Coronavirus Galiza: baixan os novos contaxios e a presión hospitalaria

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra a Covid-19 na Galiza (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

A ocupación por persoas doentes de Covid nos hospitais galegos volveu descender nas últimas horas, e hai 13 persoas menos ingresadas, á vez que tamén descenderon os contaxios diarios e, lixeiramente, o total de casos activos na Galiza.

Segundo os datos publicados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con información recollida até a quinta ás 18 horas, na última xornada detectáronse 3.679 casos novos de Covid na Galiza, fronte aos algo máis de 4.000 da xornada anterior. Con todo, os novos contaxios non baixan en todas as áreas sanitarias.

Así, descenden nas áreas da Coruña-Cee, onde se detectaron 660 novos contaxios; Compostela-O Barbanza, que ten 647 enfermos novos; Pontevedra-O Salnés, con 390, e Ferrol, con 178. Pola contra, medraron os novos casos detectados nas áreas de Vigo, onde se rexistraron 894 novas infeccións; Ourense-Verín-O Barco, con 454, e Lugo-A Mariña-Monforte, con 417.

A respecto do número de persoas que actualmente teñen a infección, subiu nas áreas de Lugo e Ourense, aínda que a cifra global do país caeu lixeiramente, pasando de 49.182 a 48.835 casos activos (347 menos).

Por áreas, en Vigo hai 11.743 infeccións activas (91 menos); na área da Coruña hai 10.467 casos (271 menos); na área de Compostela hai 8.771 casos activos (48 menos); na de Pontevedra hai 5.212 persoas con Covid (55 menos); na área de Lugo hai 5.108 infectados (78 máis); na área de Ourense hai 4.901 casos (7 máis), e na área de Ferrol hai 2.328 casos activos (6 menos).

Presión hospitalaria

No que atinxe á presión hospitalaria, a ocupación de camas Covid descendeu na Galiza na última xornada, e actualmente hai 44 pacientes en UCI (tres menos) e 625 en hospitalización convencional (10 menos).

Por áreas sanitarias, na da Coruña hai 12 pacientes en coidados críticos (dous máis); na área de Vigo hai 8 pacientes (un menos); na área de Compostela mantéñense 7 pacientes en UCI; na área de Pontevedra hai 6 pacientes; na área de Ourense seguen 5 pacientes en UCI, os mesmos que en Lugo (dous menos); e na área de Ferrol os pacientes graves baixaron de 3 a 1.

Probas diagnósticas, altas e falecementos

Esta sexta feira Sanidade confirmou o pasamento doutras sete persoas con Covid, de forma que o número total de vítimas desde o inicio da pandemia sobe a 3.022. Os últimos decesos comunicados son os dun home de 87 anos que morreu o pasado 2 de febreiro na área sanitaria de Lugo; un home de 83 anos que faleceu o 8 de febreiro na área sanitaria da Coruña; catro falecidos esta cuarta feira (muller de 93 anos na área de Ourense, muller de 86 anos na área de Lugo, home de 87 anos e muller de 96 anos, ambos os dous na área da Coruña); e unha muller de 90 anos que faleceu esta quinta feira na área da Coruña.

Por outra parte, curáronse do Covid 414.927 persoas, das que 4.020 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Aliás, realizáronse máis de 3,6 millóns de probas PCR, 1,46 millóns de test de antíxenos e 1,43 millóns doutro tipo de probas.