Coronavirus: Galiza baixa dos 10.000 casos activos a pesar dun pequeno aumento dos contaxios

Administración da vacina contra a Covid-19. (Foto: Europa Press).
Os casos activos de Covid-19 no país baixaron dos 10.000 por primeira vez desde o 12 de xaneiro, até situarse nos 9.289. Ademais, a presión hospitalaria reduciuse a 740 doentes. 

Os casos activos de covid-19 na Galiza baixaron dos 10.000 por primeira vez desde o 12 de xaneiro, até situarse nos 9.289. Ademais, a presión hospitalaria reduciuse a 740 pacientes de coronavirus -73 menos nun día-, dos que 163 están en unidades de coidados intensivos -seis menos-.

Así se desprende dos datos da pandemia feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade, con cifras recollidas até as 18 horas de onte, que reflicten que desde o inicio da crise contaxiaronse 110.449 persoas. De todos estes casos, 418 coñecéronse nas últimas 24 horas a través de calquera tipo de probas -309 confirmados cunha PCR-, o que implica un repunte de 66 sobre os rexistrados a xornada anterior.

No que respecta á presión hospitalaria, as sete áreas sanitarias galegas experimentaron unha baixada no total de doentes ingresados. A da Coruña-Cee continúa como a que máis ten a pesar de descender en 14 nun día, até os 233, dos que están en críticos 56, tres menos.

A área sanitaria de Ferrol mantense por encima do cento de hospitalizados por coronavirus, con 108 en total -seis menos-, 16 deles en UCI -os mesmos-; mentres que a de Santiago-Barbanza sitúase nos 100 -oito menos-, dos que 19 están en coidados intensivos -un menos-.

Por detrás está o distrito de Pontevedra-O Salnés, que a pesar de baixar en cinco os ingresados totais, até os 89, na UCI subiron en catro, até os 20.

A área sanitaria de Vigo contabiliza nos datos deste sábado 83 hospitalizados con Covid-19 (+8), 19 destes críticos (-1); na de Ourense-Verín-O Barco chegaron até os 68 (-28), dos que oito están en coidados intensivos (-5); e en Lugo-A Mariña-Monforte se sitúan en 59 (-3), 21 deles (igual) na UCI.

Menos casos activos

Pola súa banda, os casos activos pasaron xa, á baixa, a barreira dos 10.000, e colocáronse nos 9.289 en total, tras caer en 751 nun día. Cos datos deste sábado, a área sanitaria da Coruña-Cee logrou diminuír en 230 casos activos nun día, até situarse nos 3.032 en total. Tamén baixaron en Vigo, até os 1.375 (-77); en Pontevedra-O Salnés, a 1.270 (-58); e en Santiago-Barbanza, a 1.045 (-105).

As tres restantes están por baixo do milleiro de enfermos por coronavirus: Ferrol, 953 pacientes activos (-40); Lugo-A Mariña-Monforte, con 901 (-41); e Ourense-Verín-O Barco, con 713 (-130).

Contaxios e PCR

A pesar dos descensos na presión hospitalaria e na cifra de casos activos, os novos casos detectados en 24 horas por todo tipo de probas repuntaron até os 418, que son 66 máis que os notificados o día anterior.

Neste contexto, tan só a área sanitaria de Pontevedra reduciu as infeccións por Covid detectadas, cun total de 52 nun día -sete menos-. O resto notificaron un repunte.

A da Coruña sumou 150 novos casos de Covid-19, fronte os 87 do día previo, o que supón unha subida de 63. A de Vigo detectou outros 68 casos (+9); a de Santiago, 50 (+12); a de Lugo, 38 (+4); a de Ferrol, 35 (+1); e a de Ourense, 25 contaxios novos (+2).

En canto á taxa de positividade das PCR, volveu ascender por segundo día consecutivo, até 4,4%. Iso si, aínda está por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Por áreas sanitarias, cabe destacar que a de Pontevedra aínda se sitúa moi por enriba deste limiar, no 11,3%, mentres que Ferrol está no 8%. Na de Ourense subiu até o 5,2% e o resto, están por baixo do límite da OMS: Santiago (4,5%), A Coruña (3,4%), Vigo (3,2%) e Lugo (3,2%).

Falecidos e Curados

Os falecidos desde o inicio da pandemia na Comunidade ascenden a 2.164, tras comunicar Sanidade na noite do venres a morte doutras 10 persoas con Covid-19, das que dúas eran usuarias de residencias de maiores.

Até a data curaron de coronavirus un total de 99.013 persoas en toda Galicia, o que se traduce en que 1.158 recibiron o alta nas últimas 24 horas.

O cómputo global de infectados desde o inicio da crise sanitaria na Comunidade é de 110.449. Onde máis contaxios houbo é na área da Coruña-Cee, con 26.166 en total, seguida de Vigo (20.788), Santiago-Barbanza (17.705), Ourense-Verín-O Barco (14.424), Pontevedra-O Salnés (12.069), Lugo-A Mariña-Monforte (11.490) e Ferrol (7.807).