Coronavirus Galiza: aumento dos casos activos e descenso das hospitalizacións

Terraza de Vigo. (Foto: Marta Vázquez/Europa Press)
A Consellaría de Sanidade notificou dez novos pasamentos, todos de persoas con patoloxías previas.

Os casos activos de Covid-19 aumentan nas sete áreas sanitarias da Galiza, polo que ascenden a un total de 13.779, 946 máis que a pasada xornada, tras rexistrarse 1.780 novos contaxios. Os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 636. En canto á taxa de positividade, repunta até 34,16%, sete veces máis de 5% recomendado pola OMS para dar por controlada a transmisión do virus.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellaría de  Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta, recollidos por Europa Press, aumentan a 15 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas máis), pero descenden a 621 as ingresadas en unidades convencionais (catro menos), mentres que 13.143 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en dúas das sete: Vigo e Lugo; mantense na de Ourense; e aumenta na da Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Ferrol e Pontevedra-O Salnés.

En concreto, na da Coruña e Cee aumentan a seis os pacientes ingresados pola Covid-19 en UCI (un máis) e a 141 os hospitalizados noutras unidades (15 máis); mentres que na de Pontevedra e O Salnés seguen dúas persoas en críticos e soben a 81 as doutras unidades (dúas máis).

Na área de Santiago e Barbanza mantéñense dous ingresados por Covid en UCI e increméntanse a 83 os doutras unidades (un máis); mentres que a de Ferrol segue sen pacientes en críticos e rexistra 67 noutras unidades (catro máis). No caso da área de Ourense, que a xornada anterior non tiña pacientes Covid en UCI, rexistra hoxe dous, mentres que descenden a 108 os ingresados noutras unidades (dous menos).

Pola súa parte, a área sanitaria de Vigo continúa con tres pacientes  Covid en UCI e conta con 88 noutras unidades (18 menos), mentres que a de Lugo, como a de Ferrol, tampouco conta con críticos, e rexistra 53 noutras unidades (seis menos).

Volven aumentar os casos activos

Os casos activos, após o descenso da xornada anterior, aumentan nas sete áreas sanitarias galegas. O maior incremento corresponde á área sanitaria de Vigo (+221), seguida da da Coruña e Cee (+192), Ourense (+140), Lugo (+137), Pontevedra e O Salnés (+100), Ferrol (+79) e Santiago e Barbanza (+72).

Polo tanto, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.709; seguida da de Vigo, con 2.391; Santiago e Barbanza, con 2.195; Lugo, con 2.051; Ourense, con 1.770; Pontevedra e O Salnés, con 1.532; e á cola segue a de Ferrol, con 1.117.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada terza feira, 19 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza en maiores de 60 anos ascende a 1.049,27 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media do Estado español aumenta até 505,86.

Novos contaxios

Os novos contaxios seguen en aumento, até os 1.780. Así, os contaxiados ascenden na Galiza a 572.378, dos cales 131.651 corresponden á área de Vigo; 119.037 á da Coruña e Cee; 90.418, á de Santiago e Barbanza; 68.842 á de Ourense; 65.645, á de Pontevedra e O Salnés; 61.685 á de Lugo; e 34.259, á de Ferrol.

Esta cuarta feira o Sergas levou a cabo 2.928 PCR, polo que aumentan a 3.830.421 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia, e 3.317 test de antíxenos, que elevan a 1.668.115 os feitos na Galiza.

Sanidade notifica 10 novos falecementos

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza son xa 3.314, despois de que a Consellaría de  Sanidade notificase este outros 10 falecementos de pacientes, todos eles con patoloxías previas, rexistrados en varios días.

Pola súa banda, 555.343 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 825 na xornada pasada en toda a Galiza.