Coronavirus: 463 falecementos e 1548 altas

A presión sobre as UCIs continúa a baixar, con 108 persoas ingresadas, catro menos ca onte.

A evolución da COVID-19 na Galiza continúa na liña do 'aplanamento' da tan mencionada curva, se ben non cómpre falar de optimismo cando hai 463 vítimas mortais como consecuencia desta pandemia no noso país. Uns falecementos dos que 44% (201) están ligadas a centros residenciais.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta segunda feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza sitúase en 6.296, 91 máis que onte.

Deles 1.408 son da área da Coruña, 605 da de Lugo, 1.243 da de Ourense, 508 da de Pontevedra, 1.142 da área de Vigo, 1.046 da de Santiago, e 344 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 108 permanecen en UCI, 601 están en unidades de hospitalización e 5.587 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.548 altas de pacientes e 463 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 67.639.

Nas residenciais hai 1.379 persoas contaxiadas, das que 419 son traballadores e traballadoras.