Copernicus cifra en 144.000 as hectáreas queimadas na Galiza mentres Rueda fala de 96.000

Imaxe dos incnedios forestais segundo o isstema EFFIS. (Imaxe: Copernicus)
A diferencia entre unhas cifras e outras é notábel: case 50.000 hectáreas.

O Sistema de Información de Incendios Forestais (EFFIS polas súas siglas en inglés) do programa europeo Copernicus axustou a súa estimación de hectáreas queimadas por incendios forestais na Galiza, situando dita estimación en 138.689 hectáreas, no que vai de mes de agosto.

Segundo os últimos datos, actualizados até esta sexta feira, no mes de agosto arderon na provincia de Ourense 138.689 hectáreas; outras 2.121 na provincia de Lugo; 1.614 hectáreas na provincia de Pontevedra; e 1.249 hectáreas na Coruña. Este sistema de medición, mediante imaxes vía satélite, realizou os axustes á baixa basicamente na superficie queimada na provincia de Ourense.

Os rexistros do EFFIS suman, no mes de xullo, un total de 734 hectáreas calcinadas en toda Galiza: 330 hectáreas na provincia de Pontevedra, outras 298 hectáreas en Ourense, 54 hectáreas en Lugo e 42 hectáreas na Coruña. Deste modo, desde principios de xullo, segundo Copernicus, arderon na Galiza algo máis de 144.000 hectáreas.

Ao tempo, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ratificou os datos oficiais do seu Goberno que confirman este verán como o máis negro do século no que respecta a os incendios. En total, as chamas arrasaron en xullo e agosto ao redor de 96.500 hectáreas, e só este mes rexistráronse 666 focos.

En total, os concellos afectados en toda a Galiza ascenden a 62, aínda que Rueda matizou, ao termo do Consello extraordinario que presidiu en Ourense para pór en marcha as axudas, que uns sufriron os danos "con máis intensidade que outros”.

A diferencia entre unhas cifras e outras é notábel: case 50.000 hectáreas.