Copernicus cifra nunhas 171.000 as hectáreas queimadas na Galiza desde o inicio do verán

Persoal do operativo antiincendios traballa nos labores de extinción do lume, a 25 de agosto de 2025, na Pobra do Brollón (Terra de Lemos). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Comisión Europea cifra nunhas 5.000 hectáreas a zona protexida afectada na área de Pena Trevinca.

O Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS) do programa Copernicus cifra en algo máis de 171.000 as hectáreas queimadas na Galiza desde o inicio do verán, das que máis de 122.000 correspóndense con incendios rexistrados desde o inicio de agosto.

Na súa última actualización e tras os axustes realizados, o sistema reflicte que, desde o 1 de xaneiro deste ano, arderon no país 209.281 hectáreas de terreo, 177.285 hectáreas en Ourense e 171.218 hectáreas foron arrasadas desde que comezou o verán.

5.000 hectáreas protexidas en Pena Trevinca

Por outra banda, e en resposta a unha pregunta do eurodeputado socialista Nicolás González Casares, a Comisión Europea confirmou que os incendios de agosto afectaron unhas 5.000 hectáreas de espazo protexido na zona de Pena Trevinca.

Así o traslada a comisaria Ekaterina Zaharieva na súa resposta, na que sinala que, segundo o sistema EFFIS, a área protexida de Pena Trevinca viuse afectada por "dous incidentes de incendios forestais", un o 12 de agosto (extinguido o 19 de agosto) e outro o 15 de agosto (extinguido o 30 de agosto).

O primeiro dos incendios queimou un total de 12.032 hectáreas (11.722 na Galiza e 310 en Castela e León) e resultaron afectadas 104 hectáreas de espazo protexido. O segundo incendio calcinou 25.230 hectáreas (5.319 na Galiza e 19.911 en Castela e León) e afectou a 4.916 hectáreas de espazo protexido.

A Comisión tamén precisou que "non é posíbel facilitar unha avaliación precisa da zona queimada en Pena Trevinca o 18 de agosto de 2025 debido á contaminación por fume e á baixa resolución das imaxes por satélite dispoñíbeis o 17 de agosto de 2025 e o 18 de agosto de 2025".

Precisamente, este incendio ao que se refiren desde EFFIS foi ocultado durante días pola Xunta da Galiza. O 19 de agosto, cando o lume xa queimara máis de 8.000 hectáreas segundo Copernicus, a Consellaría do Medio Rural notificou un incendio que afectaba o municipio da Veiga (comarca de Valdeorras). Veciñanza e entidades como Orgullo Galego levaban días denunciando que o lume xa arrasara boa parte das emblemáticas montañas de Trevinca.