Controlado mais non extinguido o incendio na nave de reciclaxe en Vilalba

Imaxe do incendio na nave de Ambigal (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A nave de reciclaxe incendiada atópase no polígono industrial de Sete Pontes, en Vilalba, que ficou calcinado por completo.

O incendio rexistrado na tarde da quinta feira nunha nave de reciclaxe de Vilalba xa foi controlado polos bombeiros, pero aínda non se deu por extinguido, segundo comunicou esta madrugada a través de Twitter a Central de Emerxencias 112.

Xunto cos Bombeiros de Monforte, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de emerxencias (AXEGA) colabora con equipos de iluminación e un dron para dar apoio no seguimento aéreo das tarefas de extinción, precisou o 112.

A nave de reciclaxe incendiada atópase no polígono industrial de Sete Pontes, en Vilalba, que ficou calcinado por completo. O fogo, que levantou a expectación dos veciños, causou unha intensa fumareda, sen que por agora a Xunta da Galiza comunicase risco para as persoas.

A Central de Emerxencias 112 e, en declaracións aos medios, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Vilanova, que se desprazou até o punto para coñecer de primeira man os traballos, ratificaron que a nave de Ambigal quedou calcinada por completo.

Descoñécense as causas

Vilanova agradeceu o esforzo e "colaboración" a todos os efectivos e voluntarios -hai camións cisterna axudando tamén-, así como empresas lindeiras para controlar e apagar o incendio, cuxas causas polo momento se descoñecen. "Terán que investigar e tanto Policía como Bombeiros determinarán o punto de inicio do incendio", explicou o director xeral.

Os efectivos tiveron que traballar, xa ao redor das 21 horas, en protexer as naves lindeiras, unha das principais preocupacións que expresaron in situ as forzas de seguridade. Até o punto, de feito, desprazouse tamén un camión de iluminación para poder continuar os traballos chegado o ocaso.

Ao pouco de iniciarse o incendio, a Xunta activou o Plan Territorial de Emerxencias da Galiza (Platerga), para garantir a coordinación entre os organismos mobilizados e faise fronte a esta situación de risco.