VÍDEO | Continúan en Ribeira os traballos de extinción no pesqueiro 'Awadi', que arde con 20.000 litros de combustíbel abordo

Traballos de extinción do incendio no buque pesqueiro 'Awadi', en Rbeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Traballos de extinción do incendio no buque pesqueiro 'Awadi', en Rbeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Traballos de extinción do incendio no buque pesqueiro 'Awadi', en Rbeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Traballos de extinción do incendio no buque pesqueiro 'Awadi', en Rbeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Traballos de extinción do incendio no buque pesqueiro 'Awadi', en Rbeira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

O buque, de bandeira mauritana, leva perto de 24 horas ardendo no porto comercial de Ribeira. 

Continúan os traballos de extinción do buque Awadi, que esta segunda feira comezou a arder no porto de Ribeira (O Barbanza), onde leva atracado desde o mes de abril. A tarefa máis perentoria é conseguir que o barco se manteña a frote. Así o explican os equipos desprazados á zona, entre os que se atopan dotacións dos bombeiros de Ribeira e Boiro, a Garda Civil, a Policía española e local, así como efectivos de Salvamento Marítimo, Gardacostas e Portos da Galiza.

Na zona están despregados un remolcador e o buque Mar de Galicia, que tratan de endereitar o barco, que presenta xa desde a segunda feira unha evidente escora a estribor. O que máis preocupa é o seu posíbel afundimento, por iso os traballos de extinción están centrados actualmente en retirar material de peso da cuberta para estabilizar o barco.

A "virulencia" do lume e a "elevadísima" temperatura no barco están a facer "moi difíciles" as tarefas de extinción do incendio. Así o valora o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, que apunta que, por este motivo, podería tardarse "mesmo días" en dalo completamente por extinguido.

"Un incendio nun barco é unha incidencia moi complicada basicamente porque ten moito material inflamábel e combustíbel", expón o rexedor ribeirense. "Onte xa se demostrou que a virulencia do lume e, sobre todo, a elevadísima temperatura que hai neste momento do barco fan moi difíciles as tarefas de extinción", valora.

E é que o Awadi alberga miles de litros de combustíbel —arredor de 20.000—, ademais doutros materiais inflamábeis, que poderían verterse ao mar. Desde esta segunda feira pola noite xa están preparadas as barreiras anticontaminación por se fose necesaria a súa utilización.

Así, búscase "mellorar a estabilidade do barco", centrando os traballos en retirar todo o material de peso que hai na cuberta do buque. Unha vez retirado, tratarase de retirar "moi aos poucos" o remolcador que o está empurrando contra o porto e, así, "ver como se comporta a estabilidade" do Awadi, explica Luís Pérez. "Se se mellora sería xenial porque se podería atacar mellor o incendio. Se non, terían que probar doutra maneira", engade. 

Esta noite bombeiros de quenda libre dos parques de Boiro e Ribeira foron solicitados para dar o relevo, dado o "complicado" das tarefas de extinción. Outros buques de apoio, como o Ría de Vigo, atópanse "dispoñíbeis" por se fose necesaria a súa intervención.

Pola súa banda, o Concello de Ribeira pediu á veciñanza que evite a zona do porto comercial "na medida do posíbel" e que eviten o contacto directo co fume que desprende o barco, para o que recomendan fechar as xanelas. O rexedor insiste en que este aviso estará vixente "durante o tempo que dure o incendio".

Case 24 horas ardendo

O buque Awadi, de 50,75 metros de eslora e 10,32 metros de manga, arde no porto de Ribeira desde perto das 17 horas da tarde da segunda feira. O lume orixinouse na sala de máquinas mentres se realizaban tarefas de reparación. Ningunha persoa resultou afectada e os esforzos céntranse unicamente na extinción do incendio.

Segundo o alcalde de Ribeira, valórase que o incendio poida tardar "mesmo días" en declararse "completamente extinguido" porque, a pesar de que non haxa chamas, hai "moitísima" temperatura no interior, que impide que os bombeiros poidan entrar nel.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu o aviso ás 16.45 horas a través da chamada dun particular que alertou da presenza de fume e chamas na embarcación.