Continúa a estabilidade da Covid: un millar de contaxios e leve caída dos casos activos

Un sanitario realiza un test PCR a un cidadán. (Foto: Europa Press)
Ascenden a 308 os pacientes hospitalizados e a taxa de positividade supera 13%

Galiza mantén os contaxios de Covid-19 por riba do milleiro por terceiro día consecutivo con 1.018 novos positivos. Os casos activos descenden a 18.195 e soben os pacientes hospitalizados a 308.

Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas da quinta, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden a 53 -unha máis- e os hospitalizados noutras unidades soben a 255 -cinco máis-. Ademais, hai 17.887 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en Santiago, Ferrol e Pontevedra; sobe nas da Coruña, Ourense e Lugo e mantense na de Vigo.

Casos activos

Os casos activos volven baixar e sitúanse en 18.195, 448 menos que un día antes. Con respecto a hai unha semana, Sanidade rexistra unhas 700 infeccións activas menos que o pasado 30 de xullo.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas salvo na da Coruña (+216). Así, caen en Pontevedra (-243), Vigo (-203), Santiago (-102), Ourense (-76), Ferrol (-25) e Lugo (-15).

Así, con máis infeccións activas sitúase a área da Coruña, con 4.513, que xa supera a de Vigo, con 4.420; Pontevedra, con 2.419; Lugo, con 2.156; Santiago, con 2.112; Ourense, con 1.520 e Ferrol, con 1.055.

Máis de mil contaxios

Os novos contaxios mantéñense por terceiro día consecutivo por encima do milleiro. O Sergas anota 1.018 novos positivos, dos cales, A Coruña suma 403; Vigo, 179; Lugo, 134; Pontevedra, 96; Santiago, 95; Ferrol, 61 e Ourense, 50.

Por áreas sanitarias, a curva de contaxios amosa unha tendencia claramente descendente na de Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Lugo. Pola contra, na Coruña segue en ascenso, e avanza con liz¡xeiras oscilacións, a de Ferrol.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia aumentan a 2.483 após notificar as Sanidade outros dous óbitos, un home de 93 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e unha muller de 90 anos no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.