Continúa o descenso en contaxios, casos activos e hospitalizacións

Unha farmacéutica toma unha mostra de sangue para realizar un test de cribado en Barbadás (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Os contaxios diarios descenden a 158 e a taxa de positividade mantense por baixo do 2%

Os pacientes Covid hospitalizados na Galizaa descenderon en 18 até os 348, mentres que os casos activos reducíronse a 3.092 nunha xornada na que os novos contaxios baixaron lixeiramente a 158.

A presión hospitalaria redúcese en cinco das sete áreas sanitarias galegas, xa que na de Santiago e Barbanza aumentan a oito os pacientes Covid en críticos -un máis- e soben a 41 os doutras unidades -outro máis-, así como na de Pontevedra e O Salnés, onde aínda que caen a oito as persoas en UCI -unha menos-, aumentan a 25 as que se atopan noutras unidades -dúas máis-.

En canto aos casos activos  seguen a tendencia descendente e redúcense a 3.092, o que supón 165 menos que a xornada anterior. No entanto, aumentan lixeiramente na área de Ourense -aínda que se mantén co menor número da Galiza- até 213 -cinco máis que a xornada anterior-, mentres que descenden nas outras seis.

Pola súa banda, os contaxios detectados con calquera tipo de proba caeron a 158 -dez menos que a xornada anterior-, dos que 126 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

A taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- segue por baixo do 2%.

Galiza rexistrou desde o inicio da pandemia 2.284 falecidos diagnosticados con este coronavirus após notificar na noite desta cuarta feira Sanidade unha nova vítima, un home de 93 anos na área da Coruña que presentaba patoloxías previas.

A última vez que Sanidade comunicou só un falecido foi o 27 de decembro de 2020. Desde entón, durante máis de dous mes, superouse ese dato diario -aínda que en varios días comunicáronse cifras de diferentes xornadas-.