Continúa a busca da ex parella da muller achada morta con signos de violencia a pasada sexta feira en Baiona
A Garda Civil continúa os labores de procura da ex parella de Estela Blach, a muller de 36 anos de idade que foi localizada morta a pasada sexta feira, precisamente na vivenda deste home –na parroquia de Belesar en Baiona–, que segue en paradoiro descoñecido.
O dispositivo de procura iniciouse á primeira hora da sexta feira, desde o momento en que se tivo coñecemento deste crime, e despois de que a ex parella da muller, que foi quen alertou a Emerxencias, saíse fuxindo do lugar tras dicirlles aos sanitarios que acudiron ao lugar (e que só puideron certificar a morte da moza) que el non se ía "comer ese marrón".
Nas primeiras horas despregouse un operativo de busca pola zona, que incluíu a participación de drons. Co paso dos días foise ampliando o círculo para tratar de dar co home e, como é habitual neste tipo de accións, informouse a outros corpos de seguridade, incluídos tamén os do veciño Portugal, pola proximidade da fronteira. Polo momento, a busca non deu resultados.
Violencia machista
O crime de Baiona investígase como un homicidio de violencia machista e as pescudas están coordinadas polo Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo. Estela Blach estaba rexistrada no sistema VioXen e a súa ex parella tiña unha orde de afastamento dela, ditada o pasado 30 de abril.
O home chamou sobre as 4.35 horas ao 112 para informar de que atopara a Estela ás portas da súa casa. Segundo o seu relato, meteuna no domicilio, sentouna e tapou cunha manta, até a chegada dos profesionais do 061, que só puideron confirmar o falecemento; cando os sanitarios chegaron, el fuxiu do lugar alegando que non se ía "comer ese marrón" e negando ter relación coa morte da moza.
A vítima, que deixa unha filla de pouca idade, presentaba diversos golpes. Segundo o informe preliminar da autopsia, a causa da morte serían uns traumatismos na cabeza.