Os novos contaxios volven baixar dos cen e descende a presión hospitalaria

Descende a presión hospitalaria mais medran os ingresos en UCI. (Foto: Santi Alvite).
Descende a presión hospitalaria, aínda que as UCI contan con dous pacientes máis ingresados

Os contaxios de Covid-19 volven descender na Galiza. Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade, volveron a baixar do centenar nas últimas horas, até situarse nos 81, despois de que hai un día estivesen por riba dos 100 por primeira vez en toda a semana.

Ademais, segundo os rexistros de Sanidade até as 18 horas desta quinta feira, a presión hospitalaria descendeu lixeiramente até as 68 persoas ingresadas con coronavirus, mentres que os casos activos da enfermidade rexistraron unha caída por 21º día consecutivo, até situarse nos 1.517 pacientes.

No que respecta ás persoas hospitalizadas, a pesar do descenso global grazas á caída das ingresadas en planta a 52 ─tres menos─, as que se atopan en unidades de coidados intensivos creceron en dous, até as 16.

A evolución da presión hospitalaria é dispar entre todas as áreas sanitarias, ao aumentar en catro ─A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vigo─ e descendido nas outras tres ─Lugo, Ourense e Compostela─.

En concreto, a da Coruña-Cee contabiliza 22 ingresadas en total (+2), das que tres (+1) atópanse en coidados intensivos. En Vigo, son 11 as persoas enfermas de  covid hospitalizadas (+2), aínda que as de UCI mantéñense sen cambios, en tres.

Mentres tanto, na área de Pontevedra-O Salnés creceron a oito os hospitalizados globais (+1), dos cales dous ─sen cambios─ están críticos; e na de Ferrol xa son oito os ingresados (+1), tres deles na UCI ─igual que hai un día─.

Pola súa banda, a área de Santiago-Barbanza logrou descender nas últimas horas a cifra total de hospitalizados até os nove (-3), dos que tres (-1) están en coidados intensivos.

Tamén reduciu a presión asistencial o distrito Lugo-A Mariña-Monforte, con catro ingresados (-3), dous deles ─sen cambios─ críticos; e Ourense-Verín-O Barco, con seis ingresados (-1), todos eles en planta, e ningún na UCI.

Descenden os casos activos

En canto aos casos activos de covid-19, alcanzan os 21 días de descenso continuo e redúcense a 1.517 no conxunto do país, 64 menos que a xornada pasada, ao haber máis altas que novos diagnósticos.

Esta caída se replica nas áreas sanitarias de Vigo, con 352 pacientes de coronavirus (-34); na de Santiago-Barbanza, con 182 (-24); en Pontevedra-O Salnés, con 148 (-9); e en Ourense-Verín-O Barco, con 149 (-6).

Con todo, en Lugo-A Mariña-Monforte os casos activos mantéñense sen cambios nos 208, mentres que na Coruña-Cee aumentaron lixeiramente, ata os 368 (+7), igual que na de Ferrol, a 110 (+2).

Volven baixar os contaxios

Así mesmo, os novos contaxios de covid-19 detectados por calquera tipo de proba en toda Galiza volveron situarse por baixo do centenar, concretamente en 81. Isto supón continuar na liña na que comezou a semana, a pesar de que os datos de Sanidade desta sexta feira reflectían un repunte de 105.

Dos 81 novos contaxios, 75 foron confirmados nas últimas 24 horas a través de probas diagnósticas de infección activa (PDIA). De todos eles, a área da Coruña-Cee acumula 22 positivos, seguida da de Lugo-A Mariña-Monforte con 19 e de Ourense-Verín-O Barco, con 12.

Na área de Vigo confirmáronse 10 infeccións activas no último día e pechan a táboa as áreas de Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés e Ferrol, con catro cada unha.

Por tanto, as persoas contaxiadas en toda Galiza ascenden a 127.847, das que 30.645 corresponden á área da Coruña; 25.230, á de Vigo; 20.083, á de Santiago; 15.824, á de Ourense; 14.360, á de Pontevedra; 13.022, á de Lugo; e 8.683, á de Ferrol.

Falecidos e curados

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 en Galicia desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.430, despois de que na tarde da sexta feira Sanidade notificase dúas novas vítimas.

Fronte a iso, curáronse de coronavirus 123.925 pacientes, 143 persoas máis que as contabilizadas até a xornada anterior.