Os contaxios seguen disparándose na Galiza con 718 novos casos 

Sanitarias realizan unha proba PCR (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Nas últimas horas detectáronse na Galiza até 718 novos contaxios de Covid-19. O avance da pandemia non recúa nestes días posteriores ao Nadal, co récord rexistrado onte con 798 contaxios nun só día. Ademais aumenta a presión nos hospitais.
 

718 son os novos contaxios por coronavirus rexistrados nas últimas horas (661 confirmados a través de PCR), após baterse onte, 9 de xaneiro, o récord desde o inicio da pandemia, con 914 positivos (798 detectados por PCR). 

En total os casos activos este domingo rondan xa os 8.000 na Galiza, subindo 403 máis que o sábado e situándose en 7.795.

A área sanitaria da Coruña-Cee continúa como a que ten máis enfermos de Covid-19, con 1.831, tras ascender en 135 nas últimas 24 horas. Séguea Santiago-Barbanza que, con todo, é o único distrito sanitario onde baixan os activos este domingo até situarse nos 1.642 (-8). En Vigo, esta cifra creceu en 67: hai 1.397 casos activos.

Por baixo do milleiro están as áreas sanitarias de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 947 (+91), Pontevedra-O Salnés, con 736 (+12); Lugo-A Mariña-Monforte, con 751 (+52); e Ferrol, con 491 casos (+54).

Aumenta tamén a presión hospitalaria cun total de 360 persoas ingresadas, é dicir, 18 camas ocupadas máis que o sábado. Porén, este domingo notificouse un lixeiro descenso nas unidades de coidados intensivos (UCI), con 61 prazas ocupadas, dúas menos que na xornada anterior.

Os casos detectados mediante proba PCR reducíronse a 661, é dicir, 137 menos que o sábado. 

Catro novos falecementos suman xa 1,445 mortes

As persoas falecidas con Covid-19 desde a chegada da pandemia son xa 1.445, coas catro últimas vítimas rexistradas a últimas horas do sábado. Estes últimos falecementos foron de dúas mulleres, de 96 e 77 anos, que se atopaban hospitalizadas, respectivamente, no hospital HM Modelo-Belén da Coruña e no Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Neste último centro falecía outra das catro vítimas, un home de 69 anos. Por último, o Hospital Comarcal de Verín tamén notificou a morte dun pacientes nas últimas horas, un home de 87 anos.

Na última xornada fixéronse 8.866 probas PCR, 476 máis que no día previo.

A positividade dos tests baixou catro décimas e quedou en 7,53%, fronte a 7,95% do sábado. A Galiza aínda está por encima de 5% de taxa de positividade, limiar que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.