Contas pide á Xunta analizar a fenda dixital para unha repartición "adecuada" de medios entre os colexios

Nenas utilizando o programa E-Dixgal na aula. (Foto: E-Dixgal)

Sinala que a fenda debe ser tratada segundo as "necesidades reais" dos colexios, con independencia de que participen ou non en programas.

O Consello de Constas pide á Xunta da Galiza que realice "un traballo estatístico específico" sobre a fenda dixital do alumnado nos centros educativos sostidos con fondos públicos para lograr unha "planificación máis adecuada" na dotación dos dispositivos móbiles, de forma que chegue a todos os colexios e non só aos que participan en programas como o Edixgal e Educa en Dixital Galiza.

Así se desprende das recomendacións que o ente fiscalizador inclúe no seu informe sobre as actuacións da Comunidade autónoma para cumprir os obxectivos do programa de dixitalización do sistema educativo posto en marcha no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia denominado #EcoDigEdu.

No documento, consultado por Europa Press, Contas considera que para este traballo estatístico, a Xunta debe ter en conta a situación de partida, o número de equipos (por etapa educativa) que se atopan na actualidade en situación de préstamo en todos os centros (públicos e concertados) para cubrir as necesidades.

Deste modo, subliña que a fenda dixital do alumnado debe ser abordada tendo en conta as "necesidades reais" dos colexios, con independencia de que participen ou non en programas e accións anteriores á posta en marcha deste programa con fondos europeos para a educación dixital.

E é que, segundo debulla no informe, a dotación de dispositivos móbiles para a redución da fenda dixital -un dos apartados do programa con fondos UE-- levou a cabo a través de liñas de distribución. Así, entregáronse dispositivos adicionais aos colexios que participaban en iniciativas as educativas xa postas en marcha como o Edixgal e Educa en Dixital Galiza, así como a través do novo programa de Aulas Móbiles nos centros de primaria -iniciativa exclusiva para centros públicos-.

Nun punto apartado referido á análise de vulnerabilidade do alumnado, Contas incide en que "as faltas evidenciadas" no deseño da planificación para a dotación de dispositivos móbiles co obxectivo de reducir a fenda dixital "condicionou" que os alumnos en vulnerabilidade nos centros que non participaron no programa Edixgal nin Educa en Dixital Galicia "sigan nas mesma situación".

Por todo iso, conclúe que a planificación está a cumprir os seus obxectivos dunha forma "parcial", aínda que recoñece que os centros teñen abertas liñas para a solicitude de equipos por fenda dixital.

O ente fiscalizador tamén sinala que "segundo o manifestado na enquisa por 250 centros", "a capacitación técnica" ao profesorado "foi impartida con anterioridade á instalación das aulas, sendo requisito do programa que a formación debe ser posterior e específica coa súa manexo".

Por iso, entre as súas recomendacións, o Consello de Contas recomenda á Xunta que os plans de formación do profesorado estean vinculados a un financiamento específico e respecte as condicións establecidas en cada programa.

Con todo, o informe indica que os centros educativos móstranse de forma xeral satisfeitos co programa #EcoDigEdu e que "o grao de avance" ao 31 de decembro de 2024 "considérase adecuado", aínda que se debe continuar coa aplicación das medidas planificadas para conseguir o cumprimento dos obxectivos.

A este documento, a Xunta non presentou alegacións.