Consumo vai regular os requisitos que debe cumprir unha máscara hixiénica

Máscara de tela (Foto: Style)

Pretende, entre outras cuestións,  que as persoas usuarias saiban con exactitude, cantas veces se poden lavar antes de que deixen de ser efectivas.

 

O Ministerio de Consumo ditará unha orde cos requisitos que debe cumprir unha máscara hixiénica, das que existen unha gran variedade no mercado, para incidir na veracidade da súa protección fronte á Covid-19.

Fontes do ministerio que dirixe Alberto Garzón avanzaron a Efe que do que se trata agora é de desenvolver un texto normativo que defina o concepto de "máscara hixiénica" ou "cobertor facial comunitario", como primeiro paso para endurecer a regulación deste produto para que sexa realmente eficaz ante o coronavirus.

Entre a poboación sen síntomas de Covid-19 e que non está en contacto con persoas contaxiadas, popularizouse o uso de máscaras hixiénicas. Isto motivou que no mercado existan numerosos produtos deste tipo que, con todo, non se axustan aos requisitos mínimos de protección facial, e nos últimos días diversos centros sanitarios prohibiron o acceso ás súas instalacións con máscaras de tea.

O ministerio quer ampliar os requisitos de etiquetaxe, publicidade e control destes produtos, e así garantir que a poboación sexa consciente das súas características e do obxectivo que deben perseguir estes produtos.

Consumidores

Do que se trata, segundo Consumo, é de que os consumidores saiban con exactitude e de forma clara cantas veces se poden lavar antes de que perdan eficacia para facer fronte á pandemia e doutra serie de aspectos que deben asegurar cos seus materiais.

Prohibirase a utilización de inscricións, signos, anagramas, debuxos ou indicacións que poidan dar lugar a engano sobre o tipo de máscara que o consumidor está a adquirir. Tamén se regulará o uso e información do comercio dos  filtros que son utilizados "a modo de  consumíbeis e que son intercambiábeis", porque adoitan comercializarse de forma separada das máscaras hixiénicas e nestes momentos tampouco están regulados de forma específica.