Consumo multa Airbnb con 64 millóns de euros por anunciar miles de vivendas de uso turístico sen licenza

Cadeados para vivendas de uso turístico. (Foto: María José López / Europa Press)

A sanción é firme e obriga a retirar máis de 65.000 anuncios irregulares e a facer pública a penalización, nunha actuación que o Ministerio enmarca na loita contra a crise da vivenda.

O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 sancionou a plataforma de alugueiro turístico Airbnb con 64 millóns de euros por anunciar vivendas sen licenza e por incorrer en prácticas comerciais desleais, segundo informou esta segunda feira o departamento que dirixe Pablo Bustinduy. A resolución é firme e esgota a vía administrativa, logo de desestimarse o recurso de alzada presentado pola compañía.

A sanción deriva da detección de 65.122 anuncios que incumprían a normativa de consumo, principalmente pola publicación de aloxamentos turísticos sen número de rexistro, pola utilización de licenzas falsas ou incorrectas e pola ausencia de información veraz sobre a natureza xurídica das persoas anfitrioas. Estas prácticas, segundo Consumo, constitúen publicidade enganosa e vulneran as obrigas estabelecidas pola maioría das normativas autonómicas.

A multa principal, cualificada como infracción grave, ascende a 64.055.311 euros, unha contía que, segundo o Ministerio, equivale a seis veces o beneficio ilícito obtido por Airbnb mentres mantivo os anuncios irregulares activos, mesmo despois do apercibimento formulado pola Administración. O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid xa avalara en autos anteriores a orde de retirada dos contidos ilícitos.

Ademais, a resolución inclúe dúas sancións accesorias que obrigan á plataforma a eliminar os anuncios irregulares e a facer pública a multa imposta. Xunto a isto, Consumo impuxo outras penalizacións menores: 10.000 euros por incumprir as obrigas dos contratos a distancia ao non informar sobre a natureza xurídica dos anfitrións; outros 10.000 euros por obstrución á investigación ao non responder aos requirimentos de información; e 55.000 euros por incumprir medidas provisionais ditadas durante a instrución do expediente.

O Ministerio lembrou tamén que mantén abertos expedientes sancionadores contra diversas axencias inmobiliarias por posíbeis prácticas abusivas na xestión do alugueiro. Todas estas actuacións, sinalou Pablo Bustinduy, inscríbense na estratexia para facer fronte á crise da vivenda. "Hai miles de familias que viven ao límite a causa da vivenda, mentres uns poucos se enriquecen con modelos de negocio que expulsan as persoas dos seus fogares", afirmou o ministro, quen subliñou que "ningunha empresa, por grande que sexa, pode estar por riba da lei".