A construción dunha liña de alta tensión pon en risco humidais protexidos do Barbanza
En concreto, Adega alerta da situación na que se atopan as turbeiras e breixeiras húmidas das Chans do Barbanza. Destaca que son espazos "emblemáticos" que "carecen de xestión". Malia estar dentro do inventario de zonas húmidas da Galiza, Fins Eirexas, secretario técnico de Adega, explica a Nós Diario que "isto non implica que estean protexidos".
"Son turbeiras, hábitats prioritarios que carecen de xestión, a pesar de estar no inventario que abriu a Xunta no bipartito e que empezou a incluír humidiais non hai moito por presión de asociacións e universidades", sinala Eirexas. Con todo, indica que "non é suficiente, que un espazo estea cartografado e incluído neste inventario, supostamente coa idea de protexelo, non é suficiente se non hai intención de protexelo". Os Chans do Barbanza só "son a punta do iceberg da situación dos humidais do noso país", denuncia.
Recentemente, realizáronse unha serie de intervencións para construción dunha liña de media e alta tensión neste espazo que "causaron unha degradación evidente destes humidais, debido ao decapado e subsolado do substrato, o que provoca a oxidación da materia orgánica e a liberación de CO2". Sobre estes fráxiles hábitats, ademais, transitaron tamén vehículos pesados involucrados nas obras de contrución, o que contribuíu a intensificar a erosión, alerta Adega.
Adega anunciou onte que trasladou estes danos nos humidais das Chans do Barbanza á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Augas de Galiza, e exixe "a apertura dunha investigación e medidas cautelares urxentes para evitar unha maior degradación dos humidais afectados, así como actuacións de restauración para garantir a súa recuperación". Nós Diario púxose en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente para obter unha valoración a este respecto, mais ao feche desta edición non recibiu resposta.
Riscos na Ulloa
Eirexas alerta de que a celulosa que Altri proxecta na Ulloa "afectaría un humidal estratéxico que ocupa unha zona seca na Terra de Melide. Esa lagoa é a única que serve de descanso e alimento a aves migratorias", denuncia.
Antela
Greenpeace tamén denunciou esta segunda feira a situación de desprotección dos humidais no Estado. No referido á Galiza, sinala que "a comarca da Limia é hoxe o epicentro da crise por nitratos no noroeste peninsular. A restauración da antiga lagoa de Antela non é un capricho conservacionista, senón unha necesidade de saúde pública para protexer a auga da poboación".
"Todos os humidais do país carecen de xestión, incluso os catro que teñen que estar protexidos por pertencer á lista Ramsar", destaca Eirexas. Esta lista leva o nome da cidade iraniana onde este 2 de febreiro, hai 55 anos, se firmou un tratado internacional para a conservación dos humidais. Son a ría de Ribadeo, a de Ortigueira e Ladrido, o Complexo intermareal Umia-O Grove e o Complexo das praias, lagoa e dunas de Corrubedo (O Barbanza).