O Consello de Saúde pacta os fechamentos perimetrais para Semana Santa coa oposición de Madrid

A ministra de Sanidade, Carolina Darias. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

O toque de recoller obrigado será de 23:00 horas a 6:00 horas, se ben, a Xunta xa anunciou que na Galiza seguirá comezando ás 22 horas. As medidas acordadas, que tamén afectarán aos días entre o 17 e o 21 de marzo, serán publicadas nunha orde no Boletín Oficial do Estado.

O Ministerio de Sanidade e os distintos territorios, entre eles Galiza, lograron saír da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) decorrido esta cuarta feira cun acordo para intentar frear a expansión da pandemia durante a Semana Santa.

Malia a oposición da Comunidade de Madrid -en plena crise de goberno-, o resto pactaron estabelecer o fechamento perimetral por territorios tanto entre o 17 e o 21 de marzo, pola ponte de San Xosé, como para Semana Santa (do 26 de marzo ao 9 de abril).

O anuncio fíxoo a ministra de Sanidade, Carolina Darias, após o encontro no que afirmou que todos agás Madrid estiveron a favor desta medida.

No entanto, cabe destacar que o borrador xa fora analizado de forma menos oficial a semana pasada e transcendera o seu contido, algo polo que a Xunta da Galiza elevou unha queixa ao departamento do Executivo do Estado español.

Un dos asuntos que estaba en dúbida era o do toque de recoller que, finalmente, queda marcado de 23 a 06 horas.

Porén, este poderá ser máis restritivo e no país xa se advertiu que a idea é manter o inicio ás 22 horas. Darias concretou que acadou un “acordo de mínimos” pero que cada zona poderá ser máis restritiva aínda se así o desexa.

Estas normas, que serán trasladadas á cidadanía a través dunha orde ministerial que publicará o Boletín Oficial do Estado (BOE), non terán aplicación nas Canarias e nas Baleares. Alí a entrada estará restrinxida polos supostos estabelecidos no estado de alarma aprobado até maio.

Advertencia á comunidade madrileña

Respecto dos arquipélagos e os fluxos de turismo, a representación de Madrid lamentou que vaian permanecer abertos aos turistas estranxeiros e non aos cidadáns da comunidade. Ante as queixas, Darias incidiu en que o pacto será de obrigado cumprimento.

A maiores das condicións sinaladas, as reunións quedarán reducidas a catro persoas en espazos públicos fechados e a seis nos abertos, mentres que nos lugares privados só poderán estar persoas que convivan.