O Consello Europeo aproba aumentar o tempo necesario para obter unha compensación polo atraso dun voo

Unha moza agarda no aeroporto de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O Estado español, Alemaña, Eslovenia e Portugal votaron en contra.

Os ministros e as ministras de Transportes da Unión Europea (UE) lograron esta quinta feira un acordo político para reformar o regulamento sobre dereitos das pasaxeiras que suporá elevar de 3 a 4 e 6 horas -en función da distancia do voo- o tempo de atraso mínimo que dará dereito á viaxeira para pedir unha compensación.

O acordo saíu adiante por maioría cualificada malia o voto en contra do Estado español, Alemaña, Eslovenia e Portugal. O texto de compromiso que será a base para negociar coa Eurocámara introduce tamén a obrigación para as aeroliñas de habilitar un formulario que permita ás afectadas tramitar de maneira automática a súa indemnización en caso de cancelación.

"Grazas polo debate e pola flexibilidade, é un gran paso cara a unha reforma moi necesaria para mellorar os dereitos dos pasaxeiros da UE. É posíbel que non todo o mundo estea plenamente satisfeito, mais a iso eu chámoo un bo compromiso, que é cando ninguén queda cento por cento contento", dixo o ministro de Polonia, Dariusz Klimczak.

"Imos agora empezar a negociación co Parlamento Europeo", acrecentou o representante de Polonia, que este semestre exerce a Presidencia de quenda do Consello Europeo e que, polo tanto, encabezou e dirixiu a reunión.

O acordo saíu adiante a pesar dos votos expresados en contra polos representantes do Estado español, Alemaña, Portugal e Estonia, que avisaron de que esta decisión supón un "retroceso" nos dereitos adquiridos das pasaxeiras comunitarias. Ademais abstivéronse Austria e Estonia, que non ven con bos ollos o resultado final mais non queren ser obstáculo para o acordo.

Liña vermella

"Non podemos apoiar esta proposta", dixo no debate final o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano, quen recoñeceu "avances" mais insistiu en que empeorar os limiares para a indemnización por atraso era unha "liña vermella" para o Estado español e que o resultado "empeora claramente a posición dos pasaxeiros".