A Consellaría deixa sen pediatra Cerdedo, Cotobade e Forcarei

Protesta sanitaria en Cerdedo. (Foto: Nós Diario)
Os retallos sanitarios baten na Terra de Montes.

A plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública vén de denunciar a ausencia do servizo de Pediatría nas localidades de Cerdedo, Cotobade e Forcarei. Neste sentido, faise eco das “queixas da veciñanza pola non cobertura deste servizo durante a ausencia da nosa pediatra” e critica que “todos os anos polas vacacións de verán ou por outros motivos, as súas ausencias non son cubertas e podemos estar varias semanas sen pediatra”.

O colectivo amósase en desacordo coa “alternativa que se nos ofrece de ir ao PAC de Cerdedo, onde habitualmente non hai médicos especializados en Pediatría. Se non, temos que desprazarnos até Pontevedra, ás urxencias infantís do hospital, onde nos indicarán que é precisamente a pediatra quen debe facer un seguimento do estado da nena ou neno”.

Cerdedo pola Sanidade Pública expresa a súa discrepancia cos argumentos das autoridades sanitarias. Nese sentido, sinalan que o “Sergas di que o servizo que temos é suficiente, mais neste caso e noutros que temos denunciado recentemente demostran que non é así”.

Na mesma liña, apuntan que “tampouco é de recibo que se nos envíe ao PAC, cando o servizo de urxencias non está para atender situacións que poden ser tratadas normalmente en Pediatría”.