Un "conflito laboral" estaría detrás dos disparos a dous autobuses en Betanzos

Un autobús escolar de Monbus, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"Non é a primeira vez que ocorre, pero si en Betanzos", afirma a alcaldesa.

A veciñanza de Betanzos non sae do asombro tras os impactos de bala que recibiron dous autobuses, un deles destinado a transporte escolar, na mañá desta cuarta feira. A alcaldesa deste municipio, María Barral, sitúa agora no marco dun "conflito laboral" os ataques aos vehículos de Monbus producidos contra as 7 horas da mañá, cando iniciaban o servizo.

En declaracións aos medios tras coñecerse os feitos, manifestou que o que ocorreu, co resultado de dúas fiestras rotas en senllos autobuses, aínda que sen feridos, é "un incidente enmarcado dentro dun conflito laboral que está a ter esta empresa". "Non é a primeira vez que ocorre, pero si en Betanzos", precisou.

No entanto, apelou a agardar polo resultado da investigación que leven a cabo as autoridades policiais para tratar de esclarecer o acontecido. "Todo parece indicar que foi cun dispositivo de aire comprimido", dixo, á espera da confirmación deste extremo na investigación.

A rexedora, que asegurou estar en permanente contacto coa Subdelegación do Goberno estatal na Coruña, quixo mandar tamén unha mensaxe de tranquilidade e insistiu en enmarcar o sucedido nun incidente "illado, dentro dun conflito laboral". "Oxalá se resolva e todo quede nisto", apostilou.

Desde a empresa eludiron pronunciarse sobre esta cuestión após ratificar que formalizarán unha denuncia polo sucedido. Nos buses, con servizo de transporte escolar e regular, ían só os condutores, xa que, se ben un deles vai con coidadora, "subiu ao bus xusto despois", afirmaron desde Monbus.

Ataque en Pontedeume

O desta mañá en Betanzos, tal e como apuntou María Barral, non foi o único que sufriron os autocares desta compañía. O pasado 3 de outubro, o autobús con saída ás 7.20 horas entre Pontedeume e Ferrol recibiu, no lugar de Limodres, dous impactos de bala, un contra a carrozaría e outro contra unha fiestra, que era tamén de dobre cristal.

Fontes da empresa confirmaron daquela a presentación dunha denuncia perante a Garda Civil para pór en coñecemento das autoridades o sucedido.