Conflito entre VTC e taxis: "Pensar que se poden prohibir é afastarse da realidade"
Municipios como Compostela, Vigo e A Coruña reclaman unha normativa autonómica clara para ordenar o servizo. O sector do taxi denuncia competencia ilegal mentres a Xunta insiste en que os vehículos de transporte con condutor (VTC), como Uber ou Cabify, só poden operar en traxectos interurbanos.
Os concellos galegos reclaman á Xunta da Galiza unha regulación clara e común para os vehículos de transporte con condutor (VTC), como Uber ou Cabify, ante o aumento do conflito co sector do taxi e a ausencia dun marco normativo adaptado á realidade actual.
A demanda prodúcese nun contexto de crecente tensión, evidenciada en mobilizacións como a decorrida esta semana na Coruña, onde os profesionais do taxi denunciaron a situación de "ilegalidade" que, ao seu xuízo, supón a actividade dos VTC nas cidades.
Así, os Gobernos locais coinciden en sinalar que a actividade dos VTC non está recollida nas ordenanzas municipais actuais. No caso de Santiago de Compostela, a normativa vixente data de 1990 e non contempla este tipo de servizos. "A día de hoxe, a actividade dos VTC non está incluída na normativa municipal e non existen autorizacións para realizar traxectos urbanos por parte daqueles VTC que si contan con autorización da Xunta da Galiza para realizar traxectos interurbanos", explican.
Por este motivo, o Concello compostelán prevé abrir unha consulta pública previa para actualizar a regulación do transporte de pasaxeiros. O proceso buscará adaptar a normativa á presenza dos VTC e compatibilizar a súa actividade coa do taxi, preservando o carácter deste como servizo público. "Este proceso de consulta pública tamén terá en conta a nova realidade dos vehículos privados, será un proceso similar ao que se abriu na Coruña", concretan desde o Consistorio.
Desde as administracións locais subliñan que, na actualidade, os VTC con autorización da Xunta só poden realizar traxectos interurbanos, pero non urbanos. Porén, denuncian que esta limitación "incúmprese sistematicamente". Os concellos consideran que é o Executivo galego quen debe asumir a responsabilidade de regular esta realidade de forma coordinada para toda Galiza. Así o trasladaron, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao Goberno galego.
"A Xunta debe definir unha normativa rexional, elaborando os estudos previos necesarios sobre a demanda e a situación actual". "É a que outorga autorizacións que sabe que se violan sistematicamente e é a que introduce unha maior incerteza xurídica ao regular todo o relacionado cos VTC pola porta de atrás, a través das leis que acompañan os orzamentos", expoñen desde o Concello compostelán.
Vigo e A Coruña
En Vigo, unha cidade con 549 licenzas de taxi, o Concello abriu 123 expedientes sancionadores relacionados coa actividade dos VTC. Ademais, rexeitáronse 49 solicitudes de licenza urbana, 13 delas sen autorización autonómica.
Tampouco a cidade olívica ten unha ordenanza que regule este servizo e desde o Concello remítense á que regula o servizo de taxi. Dela, recordan que "non contempla o outorgamento de autorizacións habilitantes para a prestación de servizos urbanos de arrendamento de vehículos con condutor" neste termo municipal, ao tratarse dunha ordenanza anterior á lei de 2023 existente a este respecto.
Na Coruña, onde foron interpostas 112 actas sancionadoras, o sector do taxi intensificou as súas protestas nos últimos días. Unha mobilización a pasada cuarta feira exixiu ao consistorio que "se cumpra a lei" e denunciou que os VTC realizan servizos urbanos sen autorización municipal.
"Mantivemos múltiples contactos e non chegamos a ningunha solución para que freen esa ilegalidade manifesta dos VTC que prestan servizo urbano dunha maneira ilegal sen previa licenza municipal", insistiu o presidente da Federación Galega do Taxi, Ricardo Villamisar. "Pasa o mesmo noutras cidades", explicou, lembrando o caso de Vigo, onde actúa a Policía Local. "Na Coruña son só os inspectores de transporte da Xunta os que levantan sa correspondentes actas de infracción", asegurou. "Exiximos ao Concello que cumpra a normativa", incidiu en alusión á lei autonómica e á propia ordenanza municipal, que foi aprobada polo Goberno local en setembro.
Pola súa parte, a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, recoñeceu que o problema non se resolve unicamente con sancións e apostou por unha regulación que permita a convivencia entre ambos modelos. Tamén advertiu de que a demanda cidadá destes servizos é crecente e que o número de taxis pode resultar insuficiente. "Os usuarios demandan ese servizo e o que temos que facer é regulalo, pensar que se poden prohibir é afastarse da realidade", engadiu, tras recordar que na cidade viven 253.000 persoas e hai 516 taxis. "Non é suficiente", dixo.
As sancións, en mans dos concellos
A Xunta da Galiza lembra que, aínda que realiza labores de inspección e pode detectar irregularidades, son os concellos os competentes para sancionar os servizos urbanos ilegais.
Neste sentido, o Goberno galego asegura que xa trasladou informes sobre posíbeis infraccións aos municipios, mentres que tamén comunicou ás empresas e plataformas as obrigas legais que deben cumprir.