O conflito do transporte escolar do Courel chega á Comisión Europea

Protesta diante do colexio. (Foto: ANPA do CPI Uxío Novoneyra)
Unha ampla representación social pide a Europa que considere que o proceso de licitación iniciado pola Consellaría de Educación -que agora está paralizado- non é válido.

Unha vez avanzados varios pasos na Galiza, como é a paralización da contratación do servizo por parte da Xunta, a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel levou a súa denuncia contra a Consellaría de Educación polos cambios no transporte escolar até a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

As nais e pais do alumnado deste centro de Folgoso do Courel sosteñen que o modelo de contratación que tiña previsto o Goberno galego -e que de feito puxo en marcha deixando fóra aos taxistas do municipio, que eran os que facían os traslados até agora- non é o axeitado.

Nun escrito asinado tamén por este colectivo e representantes do BNG e Courel Vivo, a ANPA defende que o sistema vello “garante a cohesión socioeconómica, xa que ademais de prestar o servizo de accesibilidade a escolares, contribúe a fomentar o emprego na zona”.

De seguir adiante o plan da Administración Galega os itinerarios serían diferentes, polo que entenden que o transporte público “reduce o tempo de traslado”.

“A cuestión de fondo é a necesidade de servizos nas zonas de montaña, que debe estar garantida polas diversas administracións públicas a través de políticas inclusivas de cohesión territorial”, inciden na súa reclamación.

Por outra parte engaden que a modalidade na que pensa a Xunta para a licitación implica unha “vulneración da normativa comunitaria”.

En concreto, o colectivo alude a unha resolución do Parlamento Europeo do 3 de outubro de 2018, cando este abordou as necesidades das zonas rurais da UE. Refírense aos artigos que recollen as características dos transportes regulares.

“Consideramos que, segundo están as bases de licitación do transporte escolar, a dita convocatoria non se lles permite concorrer aos actuais adxudicatarios, todos eles taxistas autónomos locais con vehículos de nove prazas axeitados para as estradas e rutas da zona, o que comprometería a viabilidade económica dos seus negocios, vulnerando así o citado Regulamento Europeo e o obxectivo da cohesión social e económica”, avisa.