Social

Confirmado un caso de coronavirus no asilo de Caldas, onde se aplican medidas de "vixilancia" e "illamento"

Efectivos da UME durante unha desinfección (Ministerio de Defensa).
No centro residencial onde se produciu o caso están levando a cabo as correspondentes medidas de "vixilancia, control e illamento" que require o protocolo polo coronavirus. 

Un usuario do asilo de Caldas de Reis está infectado polo coronavirus, no centro adoptáronse todas as medidas de prevención e illamento que exixe o caso. Esta residencia de maiores está xestionada pola orde católica das Hermanitas dos Anciáns Desamparados.

O consistorio de Caldas emitiu un comunicado no que fai un chamamento á calma despois deste positivo e apela a seguir coas medidas de autoprotección como medio "máis efectivo" para afrontar a COVID-19.

A comisión municipal de seguimento do coronavirus, que dirixe o alcalde, ofreceu en días pasados toda a colaboración ao centro residencial onde se produciu o caso e onde se están levando a cabo as correspondentes medidas de "vixilancia, control e illamento".

Así mesmo, trasladou que permanece en contacto permanente coa responsábel do centro, mentres traballa "man a man" e "en constante comunicación" coa Subdelegación do Goberno estatal na Galiza.

Operativo para desinfectar a contorna

O alcalde, Juan Manuel Rey, falou esta quinta feira coa subdelegada, Maica Larriba, segundo traslada o concello; así como coas autoridades sanitarias, cos corpos de seguridade e con Protección Civil para avaliar os protocolos correspondentes e ofrecer "a mellor resposta" ante esta situación.

Nesta liña, o alcalde de Caldas ordenou un operativo especial de desinfección por parte de Protección Civil na contorna da residencia de maiores e do centro de saúde próximo, co fin de minimizar o impacto que poida ter o coronavirus na vía pública.