Ileso un condutor que impactou contra a praza de América de Vigo duplicando a taxa de alcol permitida

Estado no que quedou o vehículo tras o impacto. (Foto: Policía Local)
A Policía Local interceptou até tres condutores que excedían o límite legal de alcol na madrugada do domingo e outro máis na segunda feira.

Un condutor resultou ileso tras impactar contra unha xardineira da Praza América de Vigo. O home, de 31 anos de idade e que responde ás iniciais C.P.R., circulaba duplicando a taxa de alcol permitida, lanzando un resultado positivo de 0,62 e 0,67 miligramos por litro de aire expirado.

Tal e como informou a Policía Local, os feitos ocorreron na madrugada do pasado domingo. Foi un particular o que avisou, contra as 6.45 horas, de que se producira un accidente na devandita rotonda. En concreto, o condutor accedeu á praza desde a rúa Florida, continuando recto até impactar contra unha xardineira.

Foron tres os condutores interceptados por exceder a taxa de alcol na madrugada do domingo

Horas antes, arredor das 1.45h, os axentes interceptaron na estrada de Bembrive outro home, D.P.F., de 40 anos de idade, que lanzou un resultado positivo de 0,88 e 0,82 mg/l, o que tamén excede o límite legal.

E só uns minutos despois, sobre as 2.10 horas da madrugada do domingo, foi 'cazado' S.B.L., de 49 anos de idade, tamén en Bembrive, onde se celebran estes días as festas de San Blas. Este home deu un resultado positivo de 0,72 e 0,66 mg/l de alcol por aire expirado.

Ao día seguinte, sobre as 5.30 horas, na rúa Travesía de Vigo, foi captado D.G.R., de 36 anos, lanzando un resultado positivo de 0,84 e 0,83 mg/l, informou a Policía Local.

Para rematar, nesa mesma xornada, arredor das 8.45 horas, na rúa Lepanto foi interceptado outro condutor ao que lle figuraba unha suspensión temporal e perda de vixencia do carné.