Xustiza

Condenan un policía nacional e o seu pai por unha agresión a un grupo de amigos no Grove en 2021

Un axente da Policía Nacional. (Foto: Nós Diario)
O axente recriminoulles que guindasen pola fiestra do vehículo un paquete de tabaco, dicíndolles que era policía e que se ían "enterar". Un dos mozos baixou do turismo para "mediar con el, dialogar e pedir desculpas", pero, "vendo o estado de excitación" do acusado, regresou ao coche. Foi nese instante cando o policía e o seu pai "colleron o mozo polos brazos para sacalo pola fiestra, que estaba aberta". Aliás, o proxenitor acabou propinando unha puñada a unha das mozas.

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar un policía nacional fóra de servizo e mais o seu pai por tres delitos leves de lesións por unha agresión a un grupo de amigos nas inmediacións da praia da Lanzada, no municipio do Grove (O Salnés), aos que increparon por tirar un paquete de tabaco pola fiestra do coche.

A sentenza acredita que na madrugada do 16 de agosto de 2021 catro mozos foron a un concerto na Arrocería da Lanzada, coincidindo alí con outros tres. Sobre as 1.30 horas, os primeiros marcharon de alí nun vehículo estacionado nas inmediacións, onde tamén se atopaban os acusados xunto a outro familiar após cearen nun chiringuito.

Tras saír do aparcadoiro, a condutora do vehículo no que viaxaban os mozos detívose porque se lle caera un cigarro no interior. Nese momento, un dos ocupantes guindou pola fiestra do copiloto un paquete baleiro de tabaco. O axente recriminoulles a actitude, segundo detalla a sentenza, dicíndolles que era policía e que se ían "enterar". Un dos mozos baixou do turismo para "mediar con el, dialogar e pedir desculpas", pero, "vendo o estado de excitación" do acusado, regresou ao coche.

Agresión

Foi nese instante cando o policía e o seu pai "colleron o mozo polos brazos para sacalo pola fiestra, que estaba aberta". Acto seguido, os seus acompañantes baixaron do coche para tratar de auxilialo "empregando a forza necesaria para evitar que continuase a agresión" ao home, que "se queixaba de que non podía respirar".

Visto que non cesaban coa súa agresión, unha das mulleres acudiu a pedir un móbil a outra persoa, co que sacou unhas fotografías nas que retrataba a posición da vítima, "aprisionado na fiestra sendo tirado dos seus brazos" por un dos acusados e "empurrándoo detrás" polo outro.

Nese instante, o proxenitor propinou unha puñada a unha das mozas, mentres que o seu fillo, sempre segundo a sentenza, deulle un golpe na cara co puño fechado a outra. Ao mesmo tempo, a vítima que se atopaba no coche comezou a berrar de novo "que quedaba sen aire, pedindo socorro", polo que a súa moza "decidiu dar unha patada a un deles, grazas ao cal o soltaron, esvaecendo nese instante e perdendo o coñecemento".

Identificación

A continuación, tras chamar á Garda Civil, unha patrulla acudiu ao lugar e identificou os participantes na disputa. O policía identificouse como axente da Policía Nacional destinado en Palma de Mallorca e, segundo a dilixencia de exposición dos feitos, refería "unha actitude alterada". Pedíuselle que se tranquilizase e apartase a unha beira para poder realizar os labores policiais, pero "fixo caso omiso ás ordes dos axentes".

Aliás, a sentenza reflicte que o acusado estaba baixo os efectos do alcol, xa que era "moi repetitivo" e non facía caso das ordes dos gardas, ademais de manifestarlles que "en Mallorca non se facía así" porque tiña a súa "garda pretoriana". O grupo de mozos acudiu esa mesma madrugada ao servizo de urxencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), mentres que o policía e o seu pai acudiron ao PAC do Grove.

Condena

A sentenza, que é firme, condena o axente e mais o seu proxenitor a tres delitos de lesións leves, polo que deben indemnizar as vítimas en concepto de responsabilidade civil, así como ao Sergas. Ademais, absolve os catro amigos e pide pór en coñecemento da comisaría de destino do acusado esta resolución, remitíndose a mesma a través da Comisaría Provincial da Policía Nacional de Pontevedra.