Condenan o alcalde de Pol por agredir un mozo durante un partido de fútbol

O Portomarín venceu por dous goles a un no campo do Pol. Na imaxe, o alcalde polego, Lino Rodríguez Ónega. (Fotos: Nós Diario - Europa Press)
O rexedor socialista cometeu un delito de lesións leves, polo que se lle impuxo unha multa de 540 euros, ademais dunha indemnización de 120 euros ao agredido.

O Xulgado de Instrución número 2 de Lugo vén de condenar o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega (PSdeG), por agredir un mozo durante o transcurso dun partido de fútbol. Os feitos tiveron lugar o pasado mes de maio, nun encontro no que o Pol pugnaba polo ascenso a Preferente.

 Segundo relatou a vítima da agresión, no momento do golpe atopábase xunto con varios amigos enriba dunha estrutura para animar os xogadores -despois de consultar co encargado do material se podían estar alí-. Rodríguez Ónega subiu "até en tres ocasións" para convidalos a deixar ese lugar e a non tocaren o bombo. A segunda vez que subiu para afearlles a súa actitude chegou a pedir aos dous axentes da Garda Civil que os botase dese lugar, mais non o fixeron.

A terceira vez que subiu foi cando ocorreu a agresión. A vítima relatou que o rexedor "subiu correndo con escuma na boca" e agarrouno "polo pescozo". "Arrincoume dous colgantes que levaba e tentoume tirar da estrutura para baixo", sinalou. "De feito, o árbitro recolleuno na acta, que el me agarrou, que eu non lle puxen a man enriba e que me tentou tirar dunha estrutura de catro metros de altura", detallou.

O mozo, natural de Portomarín, presentaba "laceracións, unha marca no pescozo da forma da cadea, unha rozadura na perna e, no brazo, marcas de unlla" de cando o agarrou, todo con base na denuncia presentada en dependencias policiais. "Non é de recibo que un alcalde faga estas cousas e menos a un rapaz diante de dous menores que van animar o equipo da súa vila", protestou.

Delito de lesións leves

No seu auto, o xulgado lugués condena o rexedor socialista pola comisión dun delito de lesións leves, e impúxolle unha multa de 540 euros, ademais dunha indemnización de 120 euros ao agredido.

Na vista pola agresión declararon, ademais da vítima e condenado, varias testemuñas, entre seareiros de ambos equipos, integrantes da Garda Civil e acompañantes dos dous implicados. O único que non testificou foi o árbitro do partido, aínda que si se tivo en conta a súa acta, xa que nela recolleu a agresión.

A sentenza tamén recolle que, tanto nos momentos previos á agresión como nos posteriores, o alcalde de Pol mantivo unha actitude arrogante e chegou a afirmar que “aquí mando eu, ti non es nada” e “eu son o alcalde e o campo é meu”, en  alusión ao agredido.