Xustiza

Condenado a 4 anos de cárcere por violar en Verín unha nena de 15 anos á que coñeceu por 'Facebook'

Sede da Audiencia Provincial de Ourense. (Foto: Google)
A Audiencia deu credibilidade ao testemuño da vítima, que renunciou a reclamar indemnización ningunha, fronte ás "lagoas e contradicións" do acusado.

A Audiencia Provincial de Ourense vén de condenar un home a 4 anos de cárcere por violar unha moza menor de 15 anos de idade en Verín, e impúxolle a prohibición de achegarse ou comunicarse con ela durante cinco anos. Segundo a resolución da sección segunda da Audiencia, os feitos ocorreron en novembro de 2017.

Así, os xuíces consideran probado que a vítima e o acusado, que se coñeceron por Facebook, quedaron na tarde do 4 de novembro dese ano e estiveron, en compaña dunha amiga da moza, nunha tenda en Verín e logo, no coche do acusado —que entón tiña 25 anos—, escoitando música na contorna do Balneario de Fontenova.

A última hora da tarde, a amiga da vítima tivo que marchar e os dous quedaron sós, dirixíndose en coche a unha zona forestal. Alí o acusado aparcou debaixo da ponte dunha autovía e, após un intre escoitando música, pasou ao asento traseiro, onde estaba a menor. Nun momento determinado, comezou a realizarlle tocamentos por todo o corpo e inmobilizouna, a pesar de que a nena pediu que parase.

Póndose enriba dela para que non puidese moverse, penetrouna vaxinalmente e, despois, devolveuna ás inmediacións do seu domicilio. A nena contoullo á súa amiga esa mesma noite e ambas as dúas foron horas despois a unha farmacia para buscar a pílula do 'día despois'. Nese momento, por medo, non contou nada á súa familia, mais si relatou o sucedido tres meses despois, cando se interpuxo a denuncia.

Os xuíces dan credibilidade á vítima fronte ás "lagoas e contradicións" do acusado

A Audiencia deu credibilidade ao testemuño da vítima, que renunciou a reclamar indemnización ningunha, fronte ás "lagoas e contradicións" do acusado. Por iso, impúxolle unha condena de catro anos de cárcere por agresión sexual a unha menor de 16 anos, coa circunstancia atenuante de dilacións indebidas, e prohibe que se achegue ou comunique coa vítima durante 5 anos.

A respecto da enfermidade que sofre o acusado segundo figura na sentenza, esquizofrenia paranoide, o tribunal sinala que no momento dos feitos estaba en tratamento e estaba "estábel", con "só unha discreta limitación psicofísica".