Condenado a 17 anos de prisión un home por violar a súa ex parella en Vilagarcía

Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xuíz considérao culpábel dun delito de agresión sexual, dous delitos de lesións contra a muller, dous delitos de malos tratos habituais no ámbito da violencia de xénero, un delito de ameazas leves e outro de inxurias á muller.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 17 anos de cárcere a un home por violar e maltratar a súa ex parella, xa rota a relación, nunha etapa de convivencia de ambos no domicilio da vítima, en Vilagarcía de Arousa.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xuíz considérao culpábel dun delito de agresión sexual, dous delitos de lesións contra a muller, dous delitos de malos tratos habituais no ámbito da violencia de xénero, un delito de ameazas leves e outro de inxurias á muller.

O tribunal considera probado que o sospeitoso e a vítima, que teñen dous fillos en común, mantiveron unha relación de parella durante uns dous anos (que finalizou en agosto de 2018 tras interpor ela unha denuncia por malos tratos).

Os feitos

O acusado, o 1 de xaneiro de 2019, unha vez rota a relación, trasladouse a vivir ao domicilio da súa ex parella.

Tras a continuación da convivencia, segundo a sentenza, "levou a cabo un comportamento violento, posesivo e controlador coa súa ex compañeira sentimental".

Entre outras cuestións, no apartado de feitos probados relátanse agresións á muller, como a que se produciu no marco dunha discusión por un teléfono móbil que o home lle regalou á vítima, e que ela se negaba a entregarlle.

No marco da mesma, constátase que el a tirou ao chan, quitoulle parte da roupa e pegoulle varios empuxóns e puñadas.

Tamén se relatan as lesións sufridas pola muller nesta e outra agresión, por mor das cales tivo que ser atendida no centro de saúde. E unha agresión sexual rexistrada no mes de novembro de 2019, cando xa non vivían xuntos.

A resolución non é firme, pois contra ela cabe recurso.