Xustiza

Condenado a 15 anos de prisión por violar de forma continuada a filla menor da súa parella

Sede do TSXG na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
O TSXG ratifica o veredicto emitido previamente pola Audiencia Provincial de Pontevedra.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de ratificar a condena de 15 anos de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un pai por violar de forma continuada durante catro anos a filla da súa parella, desde que a menor tiña só 12 anos de idade.

De igual forma que os maxistrados de primeira instancia, o TSXG tamén considera probado que cando a vítima se resistía a manter relacións, o condenado exercía a violencia: "Dáballe golpes na cabeza até que conseguía o seu obxectivo".

Deste modo, o Tribunal Superior rexeita o recurso de apelación presentado polo home e subliña na sentenza, na liña do ditado pola Audiencia Provincial, que a declaración da vítima cumpre todos os requisitos da doutrina xurisprudencial para enervar a presunción de inocencia.

Tamén recalca que o tribunal de primeira instancia constatou a existencia de corroboracións periféricas e a ausencia de móbiles espurios ou de resentimento por parte da menor. O auto non é firme, xa que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.