A concesionaria da cafetaría do CHUS admite que espiaba con cámaras ocultas os traballadores

A CIG afirma que Aramak, a empresa concesionaria do servizo de cafetaría do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), recoñeceu a instalación dunha cámara oculta na sala de descanso do persoal, unha medida adoptada perante o “desfase de caixa”. O sindicato sinala a través dun comunicado que ao día seguinte de presentarse a denuncia pública da aparición da cámara oculta a empresa mantivo unha reunión co comité de empresa na que recoñeceu a súa instalación. Porén, “o xerente da concesionaria asegurou descoñecer se hai máis cámaras ocultas argüíndo que esta fora unha decisión adoptada polos servizos centrais da empresa en Barcelona”, explican desde a central sindical.

 

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, explicou que segundo a empresa esta contratou un detective porque apreciou un desfase de caixa e que foi o propio detective quen instalou a cámara para investigar o asunto.

 

Para a CIG “  é totalmente desproporcionada a medida adoptada  porque de ser isto certo tiñan que ter informado ao comité de empresa do que estaba a acontecer e das medidas que ía adoptar”, explica Alonso. Máis cando o comité de empresa solicitou en reiteradas ocasións o informe das cámaras que están instaladas á vista.