CONTRA OS RECORTES

Concentracións en todo o país en defensa do ensino público

Mobilziación en Compostela
Preto de vinte mobilizacións en vilas e cidades da Galiza, convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, denunciaron os recortes da Xunta en educación

De Vigo a Foz, de Ribeira ao Barco de Valdeorras, pasando por Compostela, Lugo, A Coruña ou Ourense, centos de galegos e galegas tomaron parte nas mobilizacións en defensa do ensino público convocadas pola Plataforma Galega. Desafiando a chuvia (fose esta poalla ou a cachón) as persoas concentradas amosaron o rexeitamento claro ás políticas de recortes da Xunta en educación.

Mais estas concentracións non son actos illados. Dentro do calendario de accións aprobado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inclúese o apoio á folga de estudantes e á manifestación convocada o xoves 10 de maio. Catro días despois, o luns 14 de maio, iniciaranse peches rotativos nos centros educativos en toda Galiza e o día 3 de xuño realizarase unha manifestación en Santiago. A Plataforma tamén insta aos Consellos Escolares e Claustros a aprobaren resolucións de apoio ao ensino público.

No manifesto, a Plataforma  Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que as medidas aprobadas polo Goberno central -que se veñen sumar aos recortes aplicados pola Consellaría de Educación nos últimos anos no ensino galego- buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo milleiros de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificándoas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.