A concentración de Vigo contra as cargas policiais sáldase con 7 menores retid@s e multad@s

[Todas as imaxes desta información son de GZ-Contrainfo]

Oito furgonetas dos antidisturbios e varios carros da policía española blindaron a comisaría ubicada na rúa López Mora. 


A policía española retivo e sancionou esta sexta feira sete moz@s menores de idade que facían parte dun protesto en contra das cargas policiais acontecidas durante a manifestación contra a LOMCE realizada o 20 de novembro.

Segundo consta no parte de denuncia ao cal tivo acceso Sermos Galiza, @s estudantes de ensino medio foron multad@s por participar nunha concentración "non comunicada" na cal se tería producido "invasión da calzada". Ao mozo O.C. tamén o denunciaron por "resistencia leve a ser identificado". El négao: "de resistencia nada; fiquei quieto até que veu o tipo e me levou".

O.C. ten 16 anos. "Faláronme con moi mala educación e dicíanme que asinase onde non era obrigatorio asinar, coma na acta da denuncia", explica. "Detéronnos e metéronnos para dentro, alí estivemos un bo anaco e despois baixáronnos ao garaxe, onde ficamos por volta de dúas horas polo menos", describe o rapaz.

"Puxéronse bastante chulos connosco e dicíannos que se non tiñamos D.I. que había uns calabozos preciosos cunhas sabas cheas de piollos... ou algo así... querían meternos medo e non nos deixaron ir ao baño nesas dúas horas", continúa, acrecentando que aos mozos lles denegaban o permiso e ás mozas explicábanlles que tiña que as acompañar unha policía muller e que non había ningunha nese momento na comisaría.

A concentración estaba apoiada por Galiza Nova, CIG e BNG de Vigo e polas organizacións estudantís Agir, Comités e Liga, entre outros colectivos. As multas que lles impuxeron aos e ás estudantes retidas poderían superar os 1.000 euros.