Concentración na Coruña no 45 aniversario da proclamación de Juan Carlos I: “Galiza non ten rei”

Francisco Franco con Juan Carlos e Felipe de Borbón

Convocada pola plataforma ‘Galiza pola República’ terá lugar este sábado.

A plataforma ‘Galiza pola República, que agrupa máis de 25 organizacións e colectivos, convoca para este sábado na Coruña unha concentración co gallo do 45 aniversario da proclamación de Juan Carlos I como rei español. Será ás 18:30 horas e fronte ao Obelisco.

“Non queremos monarquía, herdeira do franquismo. Galiza non ten rei, que devolvan o roubado” é o encabezamento do manifesto co que se convoca esa mobilización.

“Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas”, sinálase nmo documento.

“O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a  Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. O ditador Franco xa decidiu elixindo a Juan Carlos e agora, 50 anos despois, queremos decidir nós”.

Os convocantes denuncian que “temos unha monarquía caduca e corrupta” e exixen que se “investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real en concepto de comisións e outras actividades económicas durante todo o seu reinado”.