Convocan para este sábado unha concentración no PAC de Baltar (Sanxenxo) para exixir máis medios

Mobilización en defensa da sanidade pública en Compostela decorrida no mes de xuño. (Foto: Arxina)
SOS Sanxenxo denuncia que este centro de saúde "só atende urxencias" por mor da falta de facultativos, a pesar de que "na área hai máis de 100.000 persoas por turismo" e de que, "en ocasións, debe atender tamén pacientes do Grove".

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo (SOS Sanxenxo) vén de convocar para este sábado, ás 12.30 horas, unha concentración de protesta diante do centro de saúde de Baltar para "exixir medidas urxentes para facer fronte á situación" que vive este servizo.

Así o decidiu a plataforma nunha reunión decorrida nesta segunda feira para tratar a situación que se vive neste punto de atención continuada (PAC), que SOS Sanxenxo cualificou de "inaceptábel".

En concreto, criticaron que este centro de saúde "só atende urxencias" por mor da falta de facultativos, a pesar de que "na área hai máis de 100.000 persoas por turismo" e de que, "en ocasións, debe atender tamén pacientes do Grove", cando o seu centro de saúde e o seu PAC "fechan por non dispor de persoal".

Esta situación, "denunciada en reiteradas ocasións pola plataforma", ten "serias consecuencias para a saúde da poboación", engadiron, en referencia á investigación que analiza a morte dunha muller neste municipio após denegárselle a asistencia dunha ambulancia.

Xa a pasada semana a plataforma cualificou de "moi grave" o acontecido e puxeron o foco en que aquel día no PAC do Grove "non houbo médico nas 24 horas", polo que todos os pacientes foron derivados a Baltar.

"Preguntámonos se a morte se evitaría de haber asistencia normal no Grove, pois é probábel que a persoa fose atendida, mesmo no seu domicilio. Os recortes en sanidade matan", precisaron desde esta organización.

ILP pola sanidade pública

Alén da concentración, a plataforma decidiu adherirse á recollida de sinaturas para a iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida por SOS Sanidade Pública para que o Parlamento galego debata e aprobe unha serie de medidas de carácter urxente para liquidar esta situación.