O Concello de Santiago pon en marcha un servizo de información e asesoramento en materia de alugueiro

Iago Lestegás este 3 de xuño. (Foto: Nós Diario)
Iago Lestegás informou desta acción municipal que se inclúe no Plan de medidas correctoras da zona de mercado residencial tensionado. Este servizo do Concello prestará atención a persoas arrendatarias e arrendadoras a través da entidade do terceiro sector Provivienda de forma telefónica, telemática e presencial a partir do día 15 de xuño.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, anunciou esta cuarta feira en rolda de prensa un pioneiro servizo municipal de información e asesoramento en materia de alugueiro residencial que o Concello de Santiago activará este mes, e que se enmarca no Plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado aprobado na última Xunta de Goberno Local.

Iago Lestegás concretou que este servizo municipal será prestado a través da entidade sen ánimo de lucro Provivienda e que o seu obxectivo é mellorar a información sobre as ferramentas existentes para garantir o dereito a unha vivenda digna e adecuada, así como ofrecer un acompañamento personalizado para resolver dúbidas e incidencias relacionadas co mercado de alugueiro. “Trátase dunha ferramenta para garantir o acceso á información clara, actualizada e accesíbel, contribuíndo á resolución de dúbidas das persoas arrendadoras ou arrendatarias”, destacou.

O responsable municipal de Vivenda defendeu que se ben “non é posíbel solucionar un problema global exclusivamente dende o local”, este goberno municipal “dende o minuto cero actúa con todas as ferramentas ao seu dispor e no marco das súas competencias para abordar a crise da vivenda”. 

O servizo comezará a funcionar a partir do 15 de xuño e terá, inicialmente, unha duración de 12 meses. Prestarase de forma telefónica, telemática e presencial dous días á semana en horario de 9 a 14 horas. Nas sextas feiras prestarase en modalidade presencial na sede de Urbanismo e outro día á semana prestarase por teléfono. En caso de que o día de atención sexa festivo, a atención trasladarase ao día laborábel inmediatamente anterior. Habilitarase tamén un correo electrónico para responder consultas e para solicitar cita para atención presencial.

O concelleiro indicou que o día 15 comunicarase o teléfono e o correo electrónico deste servizo nunha presentación pública na que participará tamén Provivenda. En relación a esta entidade do terceiro sector, destacou o seu coñecemento especializado, xa que traballa dende 1989 para facilitar o acceso á vivenda con implantación en Santiago de Compostela, onde desenvolve varios proxectos de inclusión residencial. “Queremos darlle un espazo ao terceiro sector e fomentar a súa participación no relativo ao acceso á vivenda, onde ten un gran potencial”, remarcou Lestegás.

A crecente complexidade regulatoria do mercado de arrendamento residencial motiva a posta en marcha deste servizo municipal, co fin de mellorar o coñecemento de ambas as partes sobre os seus dereitos e deberes para reforzar o cumprimento da normativa.

Servirá ademais para crear un sistema de rexistro e seguimento das consultas que permitirá elaborar informes trimestrais e un informe anual sobre a situación do mercado de alugueiro residencial en Santiago, cunha finalidade estatística.

Asesoramento a persoas arrendatarias e arrendadoras

Tanto as persoas arrendadoras como arrendatarias poderán beneficiarse deste servizo, que proporcionará información e asesoramento sobre calquera cuestión relativa ao alugueiro residencial.  Entre outras cuestións, ofrecerá información sobre a normativa vixente, con énfase na regulación aplicábel nas zonas de mercado residencial tensionado ou as modificacións recentes da Lei de arrendamentos urbanos e outras medidas con incidencia no mercado de alugueiro.

Tamén orientará as persoas arrendatarias sobre como proceder ante a imposición por parte das persoas arrendadoras de contratos de tempada ou fórmulas de alugueiro por cuartos que non cumpran a normativa vixente.