O concello de Paderne, sen auga durante 32 horas pola seca e o "consumo excesivo"

Concello de Paderne. (Foto: Nós Diario)
O BNG de Paderne presentará unha moción de urxencia para para pedir información sobre a decisión do Goberno local de cortar o subministro de auga.

O Concello de Paderne acaba de cortar o subministro de auga en todo o municipio, despois de que na cuarta feira o alcalde, César Longo Queixo, emitise un bando urxente para avisar da medida, que se estenderá desde as 13 horas de hoxe até as 21 horas da sexta feira.

No bando, o rexedor socialista atribúe este corte de subministro da auga a diversos factores, como "a seca" ou  "as altas temperaturas".

Aliás, o Goberno local tamén sinala "o consumo excesivo que se está a facer da auga procedente da traída municipal fóra do uso doméstico".

Desta maneira, a veciñanza de Paderne non terá acceso ao subministro de auga municipal mentres a Galiza segue inmersa nunha vaga de calor que está deixando temperaturas superiores 40 graos centígrados en varios concellos, especialmente da zona do Miño. 

Moción de urxencia

Pola súa parte, o grupo municipal do BNG de Paderne anunciou na cuarta feira que presentará unha moción de urxencia no pleno extraordinario que decorre hoxe no municipio para pedir información sobre esta decisión do Goberno local.

Segundo o voceiro nacionalista, Manel Pérez, "a veciñanza amosounos a súa fonda preocupación ante o anuncio do concello de levar a cabo un corte de auga de grandes dimensións".

"Parece obvio que o goberno local non fixo unha previsión adecuada no que respecta ao subministro de auga", engadiu Pérez.

Para o voceiro do BNG en Paderne, "o normal sería informar primeiro á veciñanza deste problema cando se detectou e comezar con outro tipo de medidas de aforro e non cortar directamente o subministro de auga durante día e medio, co impacto que esta medida vai ter na vida diaria da veciñanza", subliñou.