'Chicas 4x3, veñen catro e pagan tres': o polémico cartel da 'Festa de Singles' de Celanova

O polémico cartel da 'Festa de Solteiros' de Celanova.
Desde a organización alegan que o ano pasado asistiran "poucas mulleres". "Haberá que preguntarse por que", responden desde o Concello.

O Concello de Celanova mostrou o seu rexeitamento ao cartel da 'Festa de Singles' organizada para o vindeiro 6 de abril na localidade, un evento que ofrece ás mulleres a posibilidade de pagar menos levando amigas. 'Vienen cuatro y pagan tres', di o anuncio do evento, que xerou críticas no seo do Goberno local, cuxa concelleira de Igualdade, Teresa Barge, cualifica de "inconcibíbel" por "mercantilizar" á muller.

O Executivo municipal emitiu esta terza feira un comunicado no que mostraba o seu rexeitamento ao cartel, publicado no mesmo día, e no que solicitaba á organización a súa retirada. Con todo, Teresa Barge dubida "que eliminen os carteis", tal como declarou esta cuarta feira á axencia Europa Press.

A concelleira de Igualdade explicou que no consistorio non están en contra do evento en si, senón do rótulo, o cal lle "rechía". "Non estou a favor dun cartel incongruente co 8-M", proclamou, en relación ás accións polo Día da Muller que o Concello organizou nos últimos días en colaboración con distintas institucións. "Non podemos defender e logo consentir", sinalou.

Barge falou coa organización antes de sacar o comunicado, que, segundo indicou a edil, alegou que a oferta era consecuencia de que o ano pasado "foran poucas mulleres". Este motivo foi confirmado por un dos organizadores do evento a Europa Press, que emprazou a esta quinta feira para pronunciarse publicamente sobre a polémica xerada.

"Haberá que preguntarse por que", respondeu con retranca a concelleira ao feito de que o ano pasado, primeira edición do evento, se presentasen máis homes que mulleres. Igualmente, sinalou que desde o día no que se publicou o cartel "houbo moitas chamadas e opinións a nivel privado".