A CRTVG recoñece que paga de menos aos xubilados parciais de baixa

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela (Foto: CRTVG).
A representación social indica que esta irregularidade dáse desde 2016

A CRTVG recoñece que as persoas en situación de xubilación parcial que están de baixa cobran menos do estabelecido. Así o indica o Comité intercentros a través dun comunicado remitido á prensa, e no que afirma que "a empresa recoñeceu esta terza feira, nunha xuntanza co Comité Intercentros" esas irregularidades.

Este recoñecemento, indica a representación social, prodúcese "logo da reclamación realizada por un traballador", e que levou á dirección do ente público a admitir que "está a aboar incorrectamente as nóminas dos xubilados e xubiladas parciais en situación de IT (incapacidade temporal ou baixa laboral)".

Segundo o director de Recursos Humanos (RRHH), afirma o Comité, "o infrapagamento vense producindo desde xaneiro de 2016 e afectou todo o persoal incurso nesa casuística, que deixou de percibir cantidades mensuais considerábeis, de centos de euros, en función do nivel retributivo".

Aínda que as cantidades da maioría deses exercicios están prescritas, indican os representantes do cadro de persoal no comunicado, "a empresa comprometeu ante o Comité Intercentros que corrixirá de oficio, sen necesidade de presentar unha reclamación administrativa previa, os casos non prescritos que detecte, pagando as cantidades debidas desde abril de 2023, un ano antes de recibir a primeira reclamación".

Afectadas

Estima  a propia dirección, di o Comité, que pode haber arredor de dezasete persoas afectadas nese período por esta situación.

"A empresa culpa do erro coma sempre ao Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contábel (Cixtec), organismo que elabora as nóminas do sector público galego, e que, segundo dixo o director de RRHH da CRTVG, estaría afectado”. 

Segundo o Comité, Víctor Tubío, o director de Recursos Humanos informou que "o mal pagamento  prodúcese a partir do día 16 de estar de baixa, cando se pasa a pago directo  do INSS (Instituto da Seguridade Social], e está relacionado coa ausencia a partir dese momento do percibo  do complemento de IT que debe aboar a CRTVG para asimilar as retribucións do persoal á situación de alta na empresa, tal e como prevé o convenio colectivo".

Revisión

O Intercentros chama a todo o persoal da CRTVG nesta casuística a revisar as súas nóminas "para facerse cargo da súa situación".