“Irresponsabilidade da dirección”, afirman os sindicatos

O comité denuncia que a CRTVG enviou un xornalista a Venezuela sen visado de traballo

O xornalista da CRTVG retido en Venezuela, Luís Ramos. Imaxe: CRTVG.

Un xornalista da CRTVG foi retido a pasada semana no aeroporto de Caracas durante cinco horas. Regresaba de Venezuela e as autoridades daquel país detectaron que “non cumprira cos requisitos legais para desenvolver esta actividade profesional en moitos países do mundo”. Para o comité de empresa, que denuncia esta situación nun comunicado, trátase “dunha irresponsabilidade dos xestores da CRTVG”.
 

“Constitúe unha grave irregularidade que a canle pública envíe un xornalista cubrir o conflito venezolano sen cumprir previamente a solicitude de visado de traballo nos consulados deste país”, considera a representación dos traballadores, que entende que o traballador -Luis Ramos- estivo en Venezuela sen que a empresa “garantise a súa seguridade persoal”.

 

O comité de empresa solicitou esta quinta feira explicacións á compañía sobre o ocorrido e esixiu a depuración de responsabilidades. A empresa confirmou, indican fontes do comité, que enviaran o redactor a Venezuela sen visado de traballo e comprometeuse a entregar á representación dos traballadores todos os detalles por escrito do sucedido.

 

“A directora de Informativos non pode ocultar esta grave irresponsabilidade do departamento de Produción”, conclúe o comité de empresa do ente público de comunicación, “informando só parcialmente das circunstancias que motivaron a retención do xornalista. É intolerábel que se tersiverxe este feito con intencionalidade política para informar de xeito interesado sobre a situación que atravesa Venezuela”.