Comeza o xuízo oral contra os dous militantes do BNG detidos na investidura de Hernández

Detención de Núñez e Dacal [Imaxe BNG]

Renato Núñez e Manuel Dacal comparecerán nos xulgados de Fontiñas (Compostela) esta quinta feira. 

 

Após prestaren declaración o pasado o 8 de outubro, esta quinta feira (22 de xaneiro) iníciase o xuízo oral contra os dous militantes nacionalistas que foron prendidos pola policía española na toma de posesión de Agustín Hernández como alcalde de Compostela. 

Os feitos aconteceron o 8 de agosto de 2014 coincidindo coa toma de posesión de Agustín Hernández como novo alcalde de Compostela. Perante o Pazo de Raxoi concentrábanse máis dun cento de persoas para amosar o seu rexeitamento á investidura do que é o terceiro rexedor na capital galega nesta lexislatura. Mais tamén, dunha maioría de edís non eleit@s. 

Un forte cordón policial impedía @s manifestantes achegárense á Casa do Concello e mesmo camiñar pola Praza do Obradoiro, algo que si podían facer @s turistas e demais veciñanza compostelá.

Núñez (CIG) e Dacal (Fruga) están acusados pola policía dun suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade"

Pouco despois de dar comezo a sesión algúns dos participantes decidiron marchar, momento en que @s axentes da policía española os placaron e os arrastraron até os soportais de Raxoi para proceder á súa detención. 

Manuel Dacal --coordenador da Fruga-- e Renato Núñez --secretario de organización da CIG-Compostela e activista polos dereitos civis-- enfrontan agora unha acusación por un suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade" por teren sobrepasado as barandas que impedían o seu tránsito pola praza e, segundo o atestado policial, por desouvir as chamadas de atención d@s axentes. 

Con motivo da vista oral o Bloque convoca unha concentración solidaria ás 11:15h perante os xulgados de Fontiñas (Compostela).