Comeza a vacinación da gripe e da Covid: novidades, cando, onde e para quen?
A campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19 deste ano comeza este luns, 29 de setembro, chega con novidades e realizarase nos centros de saúde.
Este luns, 29 de setembro, dá inicio a campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19. Esta nova campaña traerá diferentes novidades, como a ampliación da vacina da gripe a nenos e nenas de até 11 anos e será administrada por vía intranasal. A vacinación infantil fronte á gripe comezará o 13 de outubro nos centros de saúde.
Ademais, haberá un programa piloto de vacinación escolar, polo que, a partir do 13 de outubro, poderán vacinarse nos colexios participantes no proxecto o alumnado desde os 24 meses até os nados en 2014.
No referente ás persoas maiores, Sanidade amplía a administración da vacina antigripal de alta carga ao grupo de idade dos 70 anos a 79 anos.
Nesta campaña de vacinación non se habilitarán grandes recintos, xa que "foron unha estratexia nun momento excepcional" como foi a pandemia e os meses posteriores.
Esta vez, a administración das vacinas será organizada exclusivamente mediante a rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, onde os centros de saúde serán os puntos principais.
En canto ás persoas maiores de 80 anos, as residentes en centros sociosanitarios e as persoas inmunodeprimidas recibirán as doses reforzadas contra a gripe como até o momento.
Citas por mensaxe
Durante a campaña, que comeza este 29 de setembro e que se estenderá até o 31 de decembro, as persoas desde os 60 anos e nenas e nenos de seis meses até os 11 anos, salvo os que participen no programa piloto de vacinación escolar, serán citados por SMS.
En canto ao resto dos grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da aplicación do Sergas.
A pauta de vacinación seguirá sendo unha dose fronte á gripe e outra fronte á Covid-19. Son dúas vacinas independentes que poden administrarse de forma simultánea en lugares anatómicos distintos.
Obxectivos da campaña
Esta nova campaña de vacinación ten como obxectivo alcanzar 75% en poboación maior de 60 anos e traballadores e traballadoras sanitarias, e en vacinación infantil 60%.
O ano pasado, a taxa de persoas maiores de 65 anos vacinadas contra a gripe foi de 71% fronte a 58,4% da media estatal; e en vacinación infantil situouse en 65,7% fronte a 48,1% da media estatal.
Aliás, a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) comezará a administrarse nos bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir deste mes e até o final da campaña en marzo. Tamén serán citados os menores de seis meses pare recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalización de lactantes.
Quen debe vacinarse ante a gripe?
As autoridades sanitarias recomendan a vacina da gripe ás persoas de 70 e máis anos, persoas de 12 anos ou máis residentes en institucións fechadas (tales como residencias de maiores, centros de discapacidade, etc.); embarazadas en calquera trimestre da xestación, persoas de 12 a 69 anos de idade en condicións de risco como diabetes mellitus e síndrome de Cushing, enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, incluíndo displasia broncopulmonar, fibrose quística e asma; ou enfermidade renal crónica e síndrome nefrótica, entre outras.
Sanidade tamén recomenda a administración da vacina convivintes de persoas pertencentes a grupos de alto risco, persoal de centros e estabelecementos sanitarios e sociosanitarios públicos e privados, persoas que proporcionan coidados domiciliarios a persoas con condicións de risco ou maiores.