Comeza a articularse a contestación “social, xudicial e política” para revogar a prórroga a ENCE

Imaxe: Pontevedra Viva

“É unha decisión que hipoteca o presente e futuro da ría de Pontevedra, da comarca, e a política forestal de Galiza durante o século XXI” din desde o Concello pontevedrés, onde decorreu unha comparecencia dos axentes veciñais, políticos e sociais da plataforma cidadá 'ENCE fóra'.

Dar a batalla en todas as frontes para revogar a prórroga que o goberno español en funcións deu a ENCE para que a pasteira poda permanecer até 2073 na Ría de Pontevedra. Esa é a idea que na tarde desta segunda feira decixaron clara no Concello de Pontevedra tanto o goberno local como os axentes veciñais, sociais e políticos que integran a plataforma cidadá 'ENCE fóra'. A tenente de alcalde Carme Da Silva [o alcalde, Fernández Lores, atópase fóra de Galiza] lembrou que “a decisión non é firme” e que será contestada con tódolos medios posíbeis: socialmente e polas vías xudical e política. Da Silva anunciou que pedirán ao novo Goberno central e aos partidos que o apoien a revogación da prórroga da concesión.

A prórroga “é unha decisión que hipoteca o presente e futuro da ría de Pontevedra, da comarca de Pontevedra, e a política forestal de Galiza durante o século XXI” sinalou Carme da Silva. “Un Goberno sen lexitimidade, en funcións; despois de que o seu presidente diga que non se presenta a investidura poda regalarlle a unha empresa privada, a Ence, moitos millóns de euros ao darlle 60 anos máis de concesión”, manifestou.

Desde a plataforma cidadá 'Ence Fóra' fíxose un chamamento para que “se rebele”,e “non dea por finiquitada a loita pola recuperación de ría, polo futuro de Pontevedra e a súa comarca”, indicou o presidente da Federación de veciños “Castelao”. Os colectivos que integran a federación reañlizarán esta terza feira unha asemblea para decidir accións a desenvolver.

O presidente da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa, ncualificou de “ilegal” a prórroga, pois “chega cando está sen decidir definitivamente o expediente de caducidade da concesión de Lourizán” polo que poderíamos estar, afirmou, ante un delito de prevaricación.