Comeza a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19

Administración dunha dose da vacina de Moderna, unha nas que a EMA vén de confirmar novos efectos secundarios (Foto: Europa Press).
O fármaco inocularase inicialmente ás persoas que viven en residencias e centros sociosanitarios.

A Galiza arrinca esta segunda feira, día 26, unha nova vaga de inmunización contra a Covid-19. Farao, como en ocasións anteriores, comezando pola poboación máis vulnerábel, aquela que vive nas residencias e centros sociosanitarios do país.

Serán unhas 21.000 persoas as que se inmunizarán en total nun período que a Consellaría de Sanidade calcula que durará dúas semanas, dentro dun proceso que, neste caso, non se fará por orde de idade, senón por centro, e que avanzará de forma simultánea.

Con posterioridade, no mes de outubro, Sanidade arrincará unha segunda fase da administración desta cuarta dose na que, entón si, comezará a citar por idade, arrincando no colectivo de máis de 80 anos.

Tanto para o grupo de maiores de 80 como para o seguinte —de 60 a 80 anos, xa que non está sobre a mesa vacinar persoas de menor idade— empregaranse os grandes recintos de vacinación, os coñecidos como 'vacinódromos', xa que, segundo explicou o conselleiro, Julio García Comesaña, dotan de máis comodidade e axilidade o proceso, á vez que facilitan cuestións loxísticas da propia vacina.

Sexa como for, García Comesaña tamén garantiu que todas as persoas que non poidan desprazarse a estes recintos contarán cunha 'repesca', nesta ocasión nos centros de saúde.

400.000 doses

A Galiza dispón nestes momentos de 400.000 doses da vacina para a cuarta dose, que inclúen dúas variantes de ómicron (BA4 e BA5). Así mesmo, como novidade, desta volta será simultáneo o reforzo da Covid coa inmunización contra a gripe, algo que arrincará xa na segunda feira nas residencias e seguirá logo nos 'vacinódromos'.

Segundo apuntou a Xunta, isto non implica adiantar o inicio da campaña estacional contra a gripe, que empezará formalmente en outubro, senón unicamente que aquelas persoas citadas para inmunizárense contra a Covid e que así o desexen poidan recibir nun mesmo acto sanitario as dúas picadas.

No caso da citación para poboación en xeral, fontes sanitarias lembraron que a cuarta dose da Covid abarcará, polo de agora, até os 60 anos —agás persoas inmunodeprimidas—, mentres que a poboación albo da gripe, alén de colectivos específicos, arrinca nos 65 anos.