Comesaña insiste: cuarta dose da vacina da Covid-19 para maiores de 80 anos a partir de outono

Punto de vacinación na Coruña, nunha imaxe de arquivo (Foto: M. Dylan/Europa Press).
O conselleiro de Sanidade fixo referencia ás declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en La Sexta, nas que afirmou que habería "cuarta dose para toda a poboación".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou esta sexta feira que o tratado tanto na Comisión de Saúde Pública como no Consello Interterritorial de Sanidade en relación á administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 refírese á poboación maior de 80 anos.

Comesaña explicou que "non está claro o momento" de vacinación porque dependerá de que se poida dispor dunha vacina válida tanto para a cepa orixinal como para a ómicron.

"Será setembro ou outubro cando corresponda a chegada desta nova vacina", precisou.

O conselleiro puntualizou que "por un desaxuste na forma de dicilo parecía que era para toda a poboación". 

Comesaña fixo referencia ás declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en La Sexta, nas que afirmou que habería "cuarta dose para toda a poboación".

Comisión de Saúde Pública

Preguntado polos medios de comunicación, Comesaña insistiu en que a propia Carolina Darias lle confirmara esta quinta feira que "o que está aprobado é a cuarta dose para maiores de 80 anos".

Pola súa parte, o Ministerio de Sanidade puntualizou que "non hai data determinada" para a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 na poboación xeral, aínda que sinalou que "nalgún momento poñerase a todo o mundo".