A comarca de Vigo mobilizarase contra a situación "insostíbel" que viven os centros de ensino tras a redución horaria das docentes

Á esquerda izquierda, José Carlos Abalde e Iria Salvande. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Asociacións de nais e pais máis equipos docentes exixen á Xunta máis apoios para nenos e nenas con necesidades especiais e unha actualización do catálogo de postos de traballo dos colexios.

A Asociación de Directoras e Directores de Colexios Públicos de Vigo (Adicopuvi) e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo e comarca (Foanpas) manifestaranse a vindeira cuarta feira, día 16 de outubro, pola "falta de apoios" a crianzas con necesidades especiais tras a redución da xornada lectiva dos profesionais.

En rolda de prensa, ambas as dúas entidades lamentaron esta terza feira a situación "insostíbel" que viven os centros educativos da cidade e de toda a Galiza, solicitando unha actualización do catálogo de postos de traballo dos colexios e institutos ao rexistrarse nos últimos anos un aumento "notábel" de alumnado con dificultades na aprendizaxe.

Contratación

Así, o presidente de Adicopuvi, José Carlos Abalde, explicou que neste inicio de curso, a situación vivida nos colexios galegos é difícil, debido a que entrou en vigor o acordo alcanzado entre a Xunta da Galiza e sindicatos. Isto supón, entre outras medidas, unha redución de dúas horas lectivas por profesor.

"Isto implica que haxa por cada centro un ou dous profesores menos. Non en número de profesionais, senón que se reducen as horas de cada mestre que antes se utilizaban para apoiar os nenos que teñen necesidades especiais", indicou Abalde, solicitando que esta redución de horas implique a contratación de máis profesorado para manter os niveis previos.

Ademais, lamentou que certos programas de apoio que se lanzan cada ano aínda non chegaron, o cal complica máis a situación. "Os especialistas en pedagoxía terapéutica (PT) ou audición e linguaxe (AL) non dan abasto", subliñou, engadindo que non poden atender con menos horas a máis alumnos. Isto implica, ao seu xuízo, que crianzas teñen que quedar sen atender, "con todo o que pode supor para o día de mañá a esa criatura".

Máis investimento

Na mesma liña falou a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, quen trasladou tamén a importancia de que os apoios non só queden na educación primaria, xa que nos institutos os rapaces tamén necesitan un reforzo para poder alcanzar unha boa educación.

Salvande ve imprescindíbel unha actualización do catálogo de profesorado por centro, debido ao aumento de alumnado con necesidades especiais. "Úsase de escusa por parte da Consellaría, que sempre di que se cumpre o catálogo. Pero é que non está actualizado. Úsano de xustificante, pero é un documento que leva moitísimos anos sen actualizar", reivindicou.

Ambas as asociacións insistiron na importancia de non ver a educación como un "gasto", senón como un "investimento de futuro", solicitando ao Goberno galego que reforce todos os centros con máis medios. Así, o vindeiro día 16 convocan unha manifestación que partirá desde Vía Norte até o Farol de Urzaiz ás 19 horas, animando a toda a cidadanía a asistir para loitar por unha educación pública de calidade.