A colisión mortal de Jéssica Méndez tratarase como "homicidio doloso"

Concentración en repulsa ao presunto asasinato de Jéssica Méndez, esta terza feira, en Compostela (Foto: Arxina).
A subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, apuntou que a Lei contra a violencia de xénero "só estabelece como violencia de xénero cando implica unha relación de parella ou ex parella".

A subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, insistiu en que se está a investigar na actualidade como "homicidio doloso" a colisión mortal rexistrado no municipio de Barro a pasada semana, no que un home levou por diante co seu coche o dunha moza, Jéssica Méndez, á que supostamente acosaba e que faleceu por mor do choque.

Larriba foi preguntada pola prensa esta cuarta feira, no marco dunha rolda de prensa en Pontevedra, pola colisión mortal de Barro, polo que foi detido José E., un home de 41 anos acusado de matar a moza, de 29 anos.

A subdelegada manifestou que "o suceso que acabou coa vida de Jéssica, de momento, estase tratando como un homicidio doloso". Así, Larriba lembrou que "segue a investigación, unha vez que o xulgado ordenou o ingreso en prisión do acusado por este terríbel accidente".

"Quero aproveitar esta comparecencia para transmitir as miñas condolencias a familiares e amigos da vítima, que están a atravesar un momento moi duro e unha dor intensa pola perda da moza nas circunstancias nas que se produciu", engadiu.

Mudanzas na lexislación

"A nosa lei, como vostedes saben, a Lei 1/2004, só estabelece como violencia de xénero cando implica unha relación de parella ou ex parella. Neste momento está a tratarse como un homicidio doloso e estamos á espera do desenvolvemento das investigacións", sostivo.

A subdelegada declinou facer valoracións sobre a necesidade de modificar a lei para que considere como violencia de xénero este tipo de delitos. "Non teño ningún comentario que facer a respecto diso", concluíu.

Con todo, cómpre salientar que esta mesma cuarta feira a Valedora do Pobo decidiu abrir dilixencias de oficio polo presunto asasinato machista de Jéssica Méndez, e advertiu que casos como este supoñen "a culminación do acoso a longo prazo".

Aliás, na terza feira, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, apuntou que corresponde ao Ministerio de Igualdade determinar se se trata, ou non, dun caso de violencia machista.