O Colexio de Traballo Social protesta pola supresión do Informe Social no proceso de recoñecemento da dependencia

A maioría das coidadoras de persoas en situación de dependencia son menores de 50 anos. (Foto: CDR O Viso).

Solicita á Valedora do Pobo que actúe con urxencia para corrixir esta situación e evitar unha deterioración do sistema de atención á dependencia na Galiza.

O Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza manifesta "a súa profunda preocupación" pola eliminación do Informe Social no proceso de recoñecemento da dependencia, unha medida que pode vulnerar gravemente os dereitos das persoas usuarias e prexudicar a calidade da súa atención, afirma.

É por isto que vén de presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo instándoa a intervir ante a Xunta da Galiza para que reconsidere a eliminación do Informe Social no recoñecemento da dependencia e garanta os dereitos das persoas en situación de dependencia. "A eliminación de dito Informe Social pon en risco a equidade e a xustiza no acceso aos servizos de atención, prexudicando especialmente ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade", aseguran desde o colexio.

"Garantir unha atención de calidade e baseada nun enfoque integral é unha responsabilidade de todas as institucións implicadas", defenden as traballadoras sociais nun comunicado dirixido aos medios, incluída a Xunta, polo que solicitan á Valedora que actúe con "urxencia" para corrixir unha eiva que evite a "deterioración do sistema de atención á dependencia" na Galiza.

Impacto da modificación Lexislativa

Segundo explican desde o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza, A Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas suprime o Informe Social como requisito para a valoración da dependencia, "o que representa un retroceso na garantía dun diagnóstico axeitado".

Este documento, din, é fundamental para avaliar non só a situación de saúde da persoa solicitante, senón tamén o seu contexto social, familiar e económico, factores imprescindíbeis para ofrecer unha resposta axeitada ás súas necesidades. "A exclusión deste informe impide unha visión integral da realidade da persoa en situación de dependencia, reducindo a valoración a criterios médicos e burocráticos, sen ter en conta os condicionantes sociais que inciden directamente no seu benestar", cuestionan as traballadoras sociais.

Atención e acompañamento

A reforma lexislativa tamén exclúe os Servizos Sociais Comunitarios na elaboración do Programa Individual de Atención (PIA), o que supón unha limitación na orientación profesional que reciben as persoas usuarias, aclaran desde o colexio, o que na práctica supón a exclusión das traballadoras sociais de todo o proceso. E isto ten consecuencias na calidade de vida das familias con persoas dependentes, afirman, xa que elimina a posibilidade de realizar un acompañamento profesional desde a valoración inicial ata a asignación dos recursos axeitados.

"A falta de participación dos traballadores sociais deixa sen unha referencia fundamental as persoas dependentes e as súas familias, dificultando a planificación dos coidados e a identificación dos servizos máis axeitados para cada caso".

Ademais, engaden, esta decisión implica unha sobrecarga para as familias, que se ven obrigadas a xestionar os trámites sen o asesoramento adecuado, "aumentando a desigualdade no acceso aos recursos dispoñíbeis".

Rectificación

Desde o Colexio Oficial de Traballo Social da Galiza solicitan á Xunta que rectifique e restitúa o Informe Social como requisito esencial no proceso de valoración da dependencia. "É imprescindíbel garantir a participación activa dos profesionais do Traballo Social, xa que a súa intervención é clave para asegurar unha atención integral e adaptada ás necesidades reais das persoas usuarias".

A exclusión deste informe supón unha perda de calidade no sistema de atención á dependencia, xa que elimina a posibilidade de realizar un acompañamento profesional durante todo o proceso, desde a valoración inicial ata a asignación dos recursos axeitados.