O colexio Calasancio de Pontevedra fecha as portas ao detectarse 8 positivos entre o persoal

Mensaxe que colgou hoxe a dirección na web do centro. (Foto: Nós Diario)
Nas primeiras probas do 8 de setembro as e os docentes deron negativo, mais un día despois dous profesores comezaron a ter síntomas compatíbeis coa enfermidade. Por iso se practicaron exames a todo o persoal do centro educativo. As clases recuperaránse en formato telemático.

O centro educativo plurilingüe Calasancio de Pontevedra vén de fechar as súas instalacións após detectarse un gromo da Covid-19 entre o seu cadro de persoal cando o curso xa comezara neste nivel do ensino. De momento sábese que hai unhas 8 persoas contaxiadas.

A información foi distribuída pola propia dirección do colexio, que enviou unha comunicación ás familias. Ademais, avanzouse que a actividade docente retomarase o martes, pero xa cun carácter telemático.

As probas serolóxicas realizadas a todo o profesorado deran negativo, o pasado 8 de setembro, pero dous docentes empezaron a desenvolver síntomas compatíbeis co virus xusto un día despois.

Ambos sometéronse a probas PCR que confirmaron o positivo dun deles. A partir de aí, trasladáronselle os datos as familias do alumnado dos cursos implicados o venres pola noite.

Ante a situación realizáronse probas PCR a todo o persoal do centro, tanto docentes como de limpeza, administración, secretaría e comedor, e oito deles resultaron positivos.

O centro informou e entregou toda a información ás autoridades sanitarias para realizar o rastrexo dos casos e mantense en contacto coa inspección e o xefe territorial da Consellaría de Educación, ademais de co Servizo Epidemiolóxico da Galiza.

De momento, o colexio fechou as súas portas e suspendeu a actividade lectiva, aínda que xa activou o protocolo para volver ás clases o martes.