Colectivos sociais exixen en Vigo habitacións para persoas sen fogar após desaloxos na nave de Beiramar

Concentración do Foro Socioeducativo As Ninguéns e a Federación de Asociación de Vecinos Eduardo Chao (Favec), este 16 de abril. (Foto: Nós Diario)
A berros de 'Abel, actúa, que tes xente na rúa', os manifestantes solicitaron ao alcalde, Abel Caballero, a creación de polo menos 50 novas habitacións individuais. 

O Foro Socioeducativo As Ninguéns e a Federación de Asociación de Vecinos Eduardo Chao (Favec) concentráronse esta quinta feira, 16 de abril, ante as portas do Concello de Vigo para solicitar habitacións para persoas sen fogar tras o desaloxo dunha trintena de ocupas da antiga nave de Pescanova situada na contorna de Beiramar.

Perto dunha vintena de persoas protestaron na Praza do Rei pola situación "crítica" que viven estes cidadáns, que foron "desaloxados" para "deixalos na rúa" sen ofrecerlles unha alternativa. A berros de 'Abel, actúa, que tes xente na rúa', os manifestantes solicitaron ao alcalde, Abel Caballero, a creación de polo menos 50 novas habitacións individuais con cama, armario, mesa de noite e mesa de estudo.

Tamén solicitan a eliminación dunha conduta "cruel" que supón que as persoas só poidan estar entre 10 ou 15 días de máximo nos albergues municipais, urxindo alternativas de duración indefinida até que se solucionen os problemas de cada individuo que lle levaron a durmir na rúa.

No manifesto, estes colectivos criticaron que un concello "rico" como é Vigo, que dispón de "superávit", non sexa "capaz de ofrecer unha alternativa para os seus cidadáns máis desfavorecidos". Insisten en que "non se trata dun caso illado" senón que é un "problema" que sofre a cidade e que as administracións públicas deberían pór o foco nel. "As persoas sen teito nesta cidade necesitan dunha vez por todas que se aumente un dispositivo residencial con máis de 50 prazas con habitacións individuais amoblados", subliñou Antón Bouzas, portavoz de As Ninguéns.

"Por todo isto, exiximos unha intervención directa, urxente e coordinada para o realoxo estábel e seguro destas persoas, que repetimos, non foron reubicadas. Vivir sen teito non é unha elección: é unha situación de violencia. As condicións de vida digna non poden depender da sorte que teñamos, precisamos unha rede pública de apoio real e tanxíbel. Hoxe queremos pór o foco sobre as invisibilizadas, coa intención de que a empatía, a altura política e social, recupere o lugar que nunca debeu perder", destacaron no manifesto.